A crise tamén afecta ás festas

Amelia Ferreiroa LALÍN/LA VOZ.

DEZA

O peche de trinta empresas e comercios en Lalín -cifra rexistrada ata o de agora- merma a recadación para As Dores

29 jul 2010 . Actualizado a las 12:10 h.

As comisións organizadoras de festas non se escapan da crise global, e pechar un orzamento convertese nunha odisea. Eso mesmo é o que lle está pasando aos organizadores das festas patronais de As Dores de Lalín.

Na metade do proceso recadatorio as cifras non acaban de cadrar. Para finais do vindeiro mes de agosto a intención é cerrar o petitorio «para adicar setembro a cuestións meramente organizativas», puntualiza Agustín López -que xunto a Amalio González se encarga de realizar o petitorio nas empresas e nos establecementos comerciais da vila-. «É lamentable e triste ver a cantidade de negocios que pecharon as súas portas neste último ano». A proba é que despois de levar a cabo o petitorio para os festexos na metade dos locais «comprobamos que máis de trinta empresas e comercios baixaron definitivamente a reixa. Quédanos outra metade por visitar... Imaxínate cal pode ser o resultado final...». Situación que se reflicte directamente nas contas. Ata o momento a comisión ingresou algo máis de 18.000 euros en concepto de colaboracións veciñais e empresariais, o que supón algo máis de 2.000 euros menos que a cantidade que se xuntara o ano pasado por estas mesmas datas. «Botamos en falta aquelas empresas que para as festas patronais aportaban 300 ou 400 euros. Agora, a maioría -das que se manteñen- dan a mesma cantidade que o ano pasado e algunha aínda baixa un pouco a axuda. Dende logo que subir a cuota non o fixo ninguén ata o momento».

Unha próxima edición das festas de As Dores que sufrirá máis dun recorte orzamentario. A comisión de As Dores pretende xuntar 30.000 euros entre hostalaría, comercio, empresas e veciños pero é consciente de que non será tarefa doada. «O Concello este ano aportará menos cantidade, serán 40.000 euros. O ano pasado conseguimos alugar o espazo do Regueiriño onde se asentan as barracas feirais en 29.000 euros pero xa sabemos que este ano non poderemos conseguir esa cantidade. A crise tamén lles está afectando aos profesionais das atraccións e xa falan de que non poderán pagar máis de 24.000 euros polo espazo. Nós tentaremos chegar aos 25.000».

Por outra banda as rúas lalinenses contarán, para as festas, cun novo alumeado. Será máis caro co do pasado ano. «Estamos a falar de 4.000 euros máis. É un alumeado diferente polo que teremos que desembolsar 14.000 euros. O que temos claro é que, en total, non podemos pasar dos 95.000. As bandas serán as da casa e tentaremos contratar algunha charanga e algún grupo de gaiteiros».