O vento que fai xirar a tarabela

Amelia Ferreiroa LALÍN/LA VOZ.

DEZA

O colectivo celebra o seu primeiro aniversario coa Festa do Vento, antes de pechar un par de meses por vacacións

29 jun 2010 . Actualizado a las 02:00 h.

Un ano de vida, traballo, divertimento e materializando un proxecto de continuidade que vai por bo camiño, malia que o traballo asociativo é complicado. Así resume Xaime López este primeiro ano de funcionamento da asociación Tarabela (Donramiro-Lalín), que conseguiu reunir en doce meses a máis de 200 asociados e conta cunha vintena de persoas nos distintos grupos de traballo. Tarabela celebrará aniversario e farao cunha Festa do Vento os días 16, 17, 21 e 24 de xullo.

Catro días de troula que arrancarán o 16 de xullo coa Donra VS Mondra. «Son grupos punk-rock de Donramiro e Mondragón que están irmanados e que actuarán dende as oito da tarde. Mesmo virá un autobús cheo de xente nova de Mondragón aos concertos», explica López. Agressive Combat, Fight to Life, Interprete Desconocido son os grupos de Mondragón que tocarán en Donramiro xunto aos locais Skarmento, Última Sacudida e Second Army.

O sábado 17 de xullo «é o día grande: O Día Tarabelo». Unha xornada moi completa respecto das actividades previstas con pasarrúas, sesión vermú coa Coral Polifónica de Agolada, xantar de campo -no prado- a base de paella e café flamenco con Iván García e Miguelete. Benxamín, Celso e Luchi amenizarán parte da tarde con música, contos e maxia; para disfrutar despois dos títeres da compañía Fantoches Baj, do Cabaret D'Aquí Pepa & Davide, Madamme Cell e dos concertos de Chiquilicuatres e O Sonoro Maxín. Un primeiro aniversario de A Tarabela con dúas actividades máis programadas: o monólogo de Denny Horror o 21 de xullo, a partires das 21 horas, e os concertos de Diadermín, Emilio Xosé e O Leo o día 24, sábado. «Trátase dun festival de música pop no que se darán cita tres dos máximos expoñentes de música pop do momento. É unha oportunidade de ver aos tres xuntos por primeira vez».

Con anterioridade dos días 3 e 4 de xullo terá lugar o Encontro de Arte e Natureza en Lalín, que tivera que pospoñerse pola mala climatoloxía. Un encontro dirixido por Antón Sobral e Fernando Lafuente que se abrirá cunha charla teórico-visual de ámbolos dóus artistas sobre as experiencias de encontros desta índole en Europa e Galicia. Os participantes farán recollidas na carballeira, levarán a cabo intercambios de experiencias e realizarán unha posta en común da instalación elaborada ao longo das dúas xornadas que durará o encontro.

E trala celebración deste encontro e do primeiro aniversario, A Tarabela tomarase un descanso «que a todos nos fai falla descansar e ollar que modelo desenvolveremos no seguinte exercicio».