O conselleiro de Economía e Industria Javier Guerra inaugurará mañán, ás 18 horas, no auditorio lalinense, a segunda Xuntanza Emprendedores 2010 que rematará o venres coa entrega de premios Xepei. O empresario lalinense José Crespo Faílde é o promotor desta iniciativa que xurdiu no 2009 no seo dun grupo de amigos.
-Pensamos que había que facer algo por e para as empresas de Lalín e aí naceu a xuntanza. Unha iniciativa na que están moitos amigos que tiran por ela, empresas do municipio e o empresario Francisco Pérez.
-Se repiten iniciativa está claro que os resultados da primeira foron óptimos...
-A primeira xuntanza foi un éxito. Foron 280 empresas rexistradas e 310 reunións e intercambios materializados. Pese a que nos atopamos en momentos difíciles, a xestión a día de hoxe -por onte-, é de 173 empresas anotadas para asistir á xuntanza e esperamos que o volume se incremente nas vindeiras horas.
-¿Cal é o obxectivo desta xuntanza?
-A finalidade do encontro é coñecerse e facer negocio. Moitos dos empresarios asentados aquí non se coñecen, non teñen oportunidade de intercambiar opinións. Para iso está a xuntanza pero tamén para facer negocio, obviamente. Esta segunda edición é unha continuidade da primeira na que imos ter en Lalín empresas de países que están en crecemento constante como é Angola e Brasil. Oito firmas exportadoras de Angola estarán presentes na xuntanza. Queremos ser un centro de iniciativas para impulsar unha nova activación económica das nosas empresas.
-Ponencias que comezan mañan e que rematarán coa conferencia maxistral de Mario Conde...
-Salientar que foi no mes de xaneiro cando comezamos a deseñar o programa desta xuntanza na que contaremos co ex presidente de Aena e presidente de Aegama Francisco Cal Pardo; o Ministro Consejero Económico de Angola, Miguel Ventura Catraio; o Director Ejecutivo de la Cámara de Comercio Brasil-España Antonio del Corro e coa directora de Coserex Claudia Morren, entre outros.
-¿Por que apostaron por Mario Conde para pechar as conferencias?
-Buscabamos unha persoa que estivera no cumio, que baixara e que voltara a subir. É o que nós precisamos nestes tempos que corren en que traballamos 16 horas diarias para manter as nosas empresas e aos traballadores e ninguén levanta a voz para decilo. Precisamos que nos estimulen. A toalla poden roubarcha pero non tirala. Creo que Mario Conde pode aportar ese estímulo do que falaba e prestouse moi amablemente a vir a Lalín.
-Premio ao lalinense Ramiro Mejuto...
-É o fiel reflexo de persoa emprendedora. Comezou a traballar aos dezaoito anos e, dende entón non parou. Loita por mellorar a súa empresa e non especula. Meréceo.