Á venda o mellor da horta

Amelia Ferreiroa A ESTRADA/LA VOZ.

DEZA

Cun almorzo-degustación de produtos da zona ábrese hoxe a quinta Feira Sustentable, que se celebra en A Estrada

15 may 2010 . Actualizado a las 02:00 h.

Sindicato Labrego Galego, Concello de A Estrada e Cooperativa Monte Cabalar uniron esforzos para sacar adiante esta nova edición dunha Feira Sustentable que xa ten arraigo no municipio. Un evento no que colabora a Asociación de Comerciantes de A Estrada cunha morea de actividades lúdico-festivas pensadas e dirixidas aos cativos.

Dous días de feira que comezan hoxe cun almorzo-degustación no que se poderá catar un amplo abano de produtos da zona. Pola tarde haberá obradoiros de produtos transformados e, a partires das 19.30 horas no Centro Sociocultural Caixanova, impartirase unha xornada técnica de xestión sustentable sobre o monte e a prevención de incendios forestais. Xornada na que se desenvolverán varias ponencias que correrán a cargo do presidente da Asociación Galega de Montes Galegos en Man Común, estarán presentes técnicos de Mabegondo ademais do técnico da empresa redactora do plan de prevención de incendios forestais do Concello de A Estrada. Unha xornada técnica aberta a todos os interesados no tema.

Pero, sen dúbida, unha parte fundamental deste feira é a exposición e venda de produtos de tempada e transformados. Son 36 os produtores que dende hoxe estarán mostrando o mellor da súa horta. «Tivemos que atrasar case un mes a celebración da feira polo inverno tan longo que veo, para que os produtores tiveran os produtos en óptimas condicións de venda, pero aquí están. Eles son, en gran parte, os artífices desta feira. Apostan por este tipo de actividade e nós debemos de axudarlles pese a que se fai sen subvencións da Xunta. É de salientar a axuda que deu o Concello de A Estrada que se encargou dos stands de madeira que se ubican na Praza de Abastos. O feito de contar cunha infraestructura fixa, como son estes postos, aporta solidez á feira», segundo comenta Marcos Louzao do SLG.

A feira non carecerá de música en vivo. Varias agrupacións folclóricas actuarán nesta feira na que «agardamos que suceda o doutras edicións e é que se esgoten os produtos. Variedade, dende logo que haberá, para todos os gustos». Á marxe dos produtos de tempada dos que falabamos tamén se poderán mercar queixos, meles e leite envasado. Contarase asemade con dous postos de artesanía. Respecto da procedencia dos produtos, a maioría teñen selo de orixe en A Estrada. «Son das hortas dos produtores das distintas parroquias estradenses. Certo é que temos algún doutras zonas limítrofes pero a gran maioría seguen sendo de A Estrada. Esperamos que os resultados sexan iguais ou mellores cos de pasadas edicións».