«Pretendemos abrir o centro a todos ao longo dun día»

Amelia Ferreiroa LALÍN/LA VOZ.

DEZA

Postos de doces, churros e tómbola, música en directo e unha comida forman parte dos actos da festa deste venres

13 may 2010 . Actualizado a las 02:00 h.

Todo está preparado para no CEIP da Bandeira para celebrar mañán a Romaría Tradicional, na que tomarán parte os alumnos e os profesores do centro educativo pero coas portas abertas á asistencia de todos os interesados.

-¿Como xurde esta iniciativa?

-Parte do equipo de normalización lingüística do CEIP da Bandeira dentro do proxecto de fomento do uso do galego. Barallamos a posibilidade de realizar unha romaría á antiga usanza, a idea foi tomando corpo e o resultado o veremos este venres.

-¿Foi precisa a implicación de toda a comunidade educativa no proxecto?

-Houbo moito traballo de organización e é certo que fomos liando á xente... Unhas persoas tiraron de outras e a implicación foi moi boa.

-¿Que pretenden con esta romaría?

-Pretendemos abrir o centro ao longo dun día a todos. Nós entramos ás 9.20 horas e ás 10 abriremos as portas a todos aqueles que nos queiran acompañar. E, unha romaría, ten que comezar con fogos. Nós contaremos cunha tirada de fogos para, de seguido, abrir os distintos postos cos que contaremos. Haberá postos de doces e de churros e mesmo teremos unha tómbola. Alumnos do colexio participarán nun recital de poesía e tamén se entregarán os premios das distintas actividades que se levaron a cabo no centro. Non faltará tampouco a música. Haberá actuacións da banda, dunha orquestra, de Fortín da Pomba e de Xirandola. A todos eles agradecer, de antemán, a súa colaboración nesta actividade.

-E, ¿quenes se farán cargo dos postos?

-Os rapaces. Cada quince minutos, aproximadamente, levaremos a cabo relevos ao fronte dos distintos postos para que todos poidan disfrutar da romaría e tamén mercar o que queiran na festa. Para elo elaboramos vales, que distribuimos entre os alumnos, e con eles poderán mercar na docería, na churrería, na tómbola ou onde queiran. Por outra banda, para darlle ambientación á romaría pedímoslle aos rapaces que veñan con algunha prenda que se usaba antes: zocos, panos da cabeza, un mandil...

-¿Os visitantes tamén deben levar algunha prenda antiga?

-Como queiran, non é obrigatorio. Sí que os convidamos a ver unha exposición de xoguetes esquencidos e outra sobre Uxío Novoneyra -a quen se lle adica o Día das Letras Galegas-. Remataremos cun comida de confraternidade á que se anotaron 48 familias. Todos os actos se desenvolverán polas dependencias do centro.