Tiven oportunidade de coñecer nestes días a admisión a trámite por parte do xulgado do recurso presentado polo PSOE contra a dedicación exclusiva de Javier Presas, Tenente de Alcalde -non adscrito- do Concello de Silleda. E parta daquí o meu escrupuloso respecto polo labor e decisións xudiciais. O que me preocupa é que se interpoñan recursos, antes que palabras, denuncias sobre aspectos que a propia lei recoñece. Porque se en Silleda houbo unha patética moción de censura -vergonzante internacionalmente- onde se poñían en causa todas as circunstancias persoais posíbeis e non as políticas ou sociais, non foi porque a lei o permitiu?
Advertiran desde o PSOE desde a efectivización da moción de censura, que os concelleiros non adscritos non tiñan máis dereitos «económicos» que os que adquiriran de onde proviñan no tempo anterior, polo que anunciaron daquelas a súa lícita intención de recorrer. Lembro que o BNG apoiou estes salarios, os dos gobernantes gañadores que comezaron a lexislatura e os dos actuais «vencedores» non adscritos, baseándose en dúas cuestións fundamentais: 1º. Iso foi o que acordaramos no principio desta convulsa lexislatura, pois dende a nosa organización, considerabamos que nestes catro anos Silleda debía ter dúas dedicacións. 2º. A lei non prohibe dereitos a un concelleiro electo que detenta unha acta de edil, independentemente do uso que faga dela. E con todo, coido que ten que se modificar este precepto. En resultas contas, isto deriva nunha máxima fundamental: goberne quen goberne ten que haber acción de goberno.
E ao parecer no Trasdeza a acción goberno non é o importante, xa que o verdadeiramente ansiado é un estatus social que «aparentemente» debe dar o ser concelleiro ou concelleira. Tanto valerán ou darán eses sillóns, eses despachos municipais, nun dos concellos máis endebedados do mundo occidental?
Na segunda cuestión é na que desexo profundizar, xa que por todas e todos é sabido que ás eleccións se presentan listas de organizacións políticas, con independentes ou non, mais son candidaturas que a xente pode avalar co seu voto desde un punto de vista global. E digo eu desde o BNG, se se escollen así as candidaturas, por que non se asegura por lei que a acta elixida pertence a esa lista e non é nominal e intransferíbel para a persoa que a detenta?
Eu creo ter a resposta e é moi simple: nin ao PP, nin ao PSOE, lles interesa. Ás veces rompe a baralla para uns e outras para os outros. Todo é cuestión de quen e como se dea na altura determinada. «Unha man lévoa eu e outra ti; cortamos e voltamos xogar para os dous» e así sucesivamente.
En Silleda a baralla é sectaria, ten as cartas marcadas. Só xogan os máis listos da clase, é un póker de ases que vai de farol en farol, de envite en envite, até desbancar a propia banca, isto é, o Concello, é dicir, o pobo, que é quen as paga.