Superamos a ponte sen demasiada brillantez e agora xa estamos, por fin, diante dese lameiro grande que son as festas de obrigado cumprimento. Nunca estaremos seguros de que celebramos, se celebramos que algunha vez nevou, que haberá unha plataforma máis a favor do galego, que seguimos sen entender o mundo árabe ou se celebramos que Raphael segue na onda, entón como agora, cun traxe de pana lisa como bandeira de elegancia. Non sabemos se celebramos que as caixas sexan galegas e solventes por separado. Sabemos que celebrar é terapeuticamente necesario. Pero somos humanos. En lugar de facer por ter motivos para celebrar, nós celebramos agora e xa encontramos desculpas para os motivos.
Nacer no Mediterráneo
Que en Barcelona haxa unha Orquesta Árabe é unha demostración máis de que Cataluña sempre vai cinco ou seis pasos por diante de España. Porque orquestras árabes podería haber en moitos lugares, incluso en moitos lugares historicamente relacionados coa cultura árabe, pero orquestra só hai en Barcelona. A cultura española sempre tivo unha empanada mental coa cultura árabe. Primeiro porque algunhas das «esencias» da cultura española eran antitéticas co árabe e, segundo, porque a modernidade só variou a superficie desas esencias. Que a Orquesta Árabe de Barcelona tamén sexa mediterránea é só unha consecuencia moi consecuente con que a cultura árabe é fundamentalmente mediterránea, como debería ser a española se non estivese sempre mirando para outro lado. Así que a recomendación para este concerto podería ser incluso terapéutica. Para que non pensemos que o único mediterráneo no mundo son a rumba, a paella, Sicilia, ou unha canción de Serrat. Que o Mediterráneo é un mar moi grande.
Desintoxicación ou fartura
Para quen considere que o crucifixo é un símbolo de Europa pero a media lúa é só un símbolo relixioso, o Nadal pode ser unha apoteose civil. Calquera terapia, por moderada que fose, recomendaría unha desintoxicación rápida dos tópicos e a fartura dun tratamento no que consiga mellorar a perspectiva. Entre os axentes máis eficaces para gañar perspectiva está o da rebaixa de prexuízos. Xa sei que é difícil, pero case todo comeza por non aceptar nada do que nos contaron como verdades inamovibles. Por exemplo, o folclore é serio. A Banda de Balbina toquetexa a música popular para devolvela aos campos das festas. As festas de verdade: as que estaban baseadas en comer durante horas, non en comprar durante horas cousas para comer.
Quitarse do pasado
As celebracións sempre teñen que ver co pasado. Non confiamos nadiña no porvir -que palabra- así que para divertirnos temos que buscar escusas de cousas pasadas: que naceu un neno, que nacemos non sei canto tempo atrás, que firmaron un papel que non podemos cambiar ou que acaba o ano. A diversión non pode comezar polo pasado. Agás na música, onde case todo o que pasa pareceu comezar nos sesenta. Non é que sexa exactamente así aínda que haxa unha parte de verdade en toda xeralización. Se tomamos como referencia a Woods vai ser que si que case todo comeza tempo atrás e ese tempo que pasa serve, como dicía meu pai, para ir temperando a furia. Ou sexa para que a distancia nos permita unha versión máis amable das cousas. Pero non é que as cousas foran mellores no pasado, é que as miramos con mellores ollos. Agora xa sabemos que a psicodelia non depende do que consuman os músicos fóra do escenario e que o folkie non depende do que vexan pola fiestra da súa casa. Hai días que parece que as cousas son sen razón. Pero igual é que a razón das cousas cambiou.
¿Hai vida no espazo?
Como somos unha especie egocéntrica pensamos que as cousas non existirían sen nós. Iso é o cambio climático. Pensamos que o espazo non sería o mesmo e que habitar é un verbo inevitablemente humano. Pero é outro asunto da perspectiva, da pouca perspectiva. Porque habitar é un verbo demasiado complexo para que só poida ser utilizado por unha especie que non sempre consegue entender que a relación dos individuos co espazo ten que ser bilateral.