Sentir o son das bandas

Paula Fernández, Manuel Cuiña e Loli García

DEZA

Faiuse o silencio, unicamente roto por algunha voz ou tose futiva saída dalgún curruncho do auditorio. Comeza o instante ínfimo que separará dous momentos, o silencio e o son, antes case inseparables. E despois, xusto despois de cortar o aire sen coitelo, a batuta dá comezo a todo, dá comezo, soamente, á musica.

E principia, algunhas veces, á modo, como se non estivese segura de ser quen de encher o corpo dos oíntes. Outras veces forte; e outras, moi forte, atronadora e, non por iso, máis segura.

E dende as butacas empezas a sentir os golpes dos sons, comezas a ver, a escoitar, pero sobre todo a disfrutar.

Es quen de ollar algún dedo tremeroso, pousándose, o máis firme que pode sobre o buraco correspondente, mentres delata que algo só pode ser perfecto, cando imperfectamente se chega a el.

Ou podes chegar a sentir a man que dubida, antes de golpear no momento exacto, no timbal ou na caixa, xusto antes de golpear no teu corpo,no corpo dos oíntes, acariñando a todos os presentes.

De sempre, soubemos a teoría das variacións de presión, das ondas elásticas e dos movementos vibratorios. O da conversión en ondas mecánicas no cerebro. Pero moitos descoñeciamos o goce que pode producir descodificalas e, entendelas.

Non falamos de hertzios, de lonxitudes de onda ou de frecuencias... non se trata de falar de entendemento. Sentimento, sentilas é moito máis apropiado.

Para entendelas, so cun libro de física e algo de tempo non deberiamos ter problema algún para acadar o noso obxectivo. Para sentilas, non hai libro útil, salvo aquel que fan soar os que realmente saben, aquel, que dotan de vida os músicos.

Temos que dicir que, nestes dous anos e medio pasados aprendemos a desfrutar da música das nosas bandas de Silleda e Bandeira. Aprendemos a querer o son que producides, a gozar dos vosos concertos. Aprendemos sobor de todo, a sentirvos.

Sabemos que aínda quedan moitos veciños no noso Concello que non descubriron as sensacións que provocades. Por iso, aproveitando que esta semana é a semana grande dos músicos, a Semana da Santa Cecilia, permitídenos invitalos a que proben unha sola vez a disfrutar do voso arte. Estamos seguros que, como nos, quedarán envoltos nunha morea de sentimentos que lles obrigaran a repetir experiencia, concerto tras concerto.

Hoxe, ademais, queremos pedirlle os trasdezans, que todos xuntos, lle desexemos á Banda da Bandeira, o maior dos éxitos no Certame Galego de Bandas, organizado pola Xunta de Galicia e que vos acompañen a Santiago, dispostos a romper as súas máns con aplausos e cheos de ganas de sentir o voso son. Paula Fernández, Manuel Cuiña e Loli García, tres veciños de Silleda, orgullosos das súas bandas e membros del grupo municipal socialista