O Fondo Galego apoia unha iniciativa da oenegé Amarante, o Bo Café, á que se prevé adherir o Concello
24 nov 2009 . Actualizado a las 02:00 h.A iniciativa non está pechada pero dende a oenegé Amarante agardan que vaia cobrando forma a posta en marcha da campaña o Bo Café en concellos da zona. A pasada semán, en Lalín, celebrouse unha reunión do Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade -un colectivo integrado por máis dun cento de concellos galegos e deputacións provinciais- na que se acordou fixar unha recollida de roupa e de calzado usado e se fixo fincapé na necesidade de apoiar campaña coma a do Bo Café, que promove Amarante. O Concello de Lalín interesouse por dita iniciativa.
A campaña do Bo Café naceu en Cataluña, lembra a responsable de Comercio Xusto da Ong Amarante Ainara Legarreta. «É un programa que busca promocionar o comercio xusto e apoiar aos pequenos produtores. Só o 2% do importe do café que se vende vai ás familias produtoras e 25 millóns de familias dos países do Sur viven deste produto. Con esta iniciativa nós queremos que se consuma café de produto xusto, que garante -por exemplo- a non explotación infantil. O produto que se distribúe é natural, de gran calidade social, ambiental e de cunca».
O Departamento de Servicios Sociais de Ourense e o Concello de Pontevedra están adheridos á campaña do Bo Café. «No caso do Concello de Vigo, por exemplo, estamos pendentes de cuestións burocráticas. Son moitos os que apoian a iniciativa pero o difícil é despois plasmala ainda que nós pomos todo: café, máquinas e rotulación das mesmas. O que sí podo decir é que está habendo unha magnífica receptividade desta iniciativa por parte dos técnicos dos concellos e ogallá que se adhiran á campaña», salienta Ainara Legarreta.
E namentras non se materializa a posta en marcha desta iniciativa na zona, a oenegé Amarante anima aos cidadáns a seguir mercando produtos de comercio xusto. «Normalmente as persoas que adquiren estes produtos están moi sensibilizadas coa vida das familias produtoras dos países do Sur. As nosas vendas están focalizadas fundamentalmente na alimentación e no téxtil, en cousas que se precisan a cotío, polo que non se está notando a crise nas vendas habituais».
Amarante conta tamén con distribución de comercio xusto, cuxos pedidos se poden realizar a través da súa páxina web, e recentemente incorporaron as súas tendas produtos de agricultura ecolóxica. As conservas Amorodo, de Forcarei, e os produtos comestibles e de cosmética da cooperativa Milhulloa -de Palas de Rei- se venden tamén dende a oenegé.