As beirarrúas de Ouzande

Olimpio Arca Camba

DEZA

Diante das novas que este xornal, na súa páxina local nove do cadernillo das comarcas Deza-Tabeirós do día 19 do actual, publica encol das beirarrúas de Ouzande, hai nas razóns alegadas pola Deputación fleves razoamentos para xustificar a súa paralización:

Lemos no primeiro entre comiñas. «El Concello de A Estrada actúa en este caso al margen de la Ley, ejecutando obras que afectan a zona de circulación sectorial de carreteras y cortando el tráfico en este vial, actuaciones que además generan un grave riesgo para la seguridad vial en una carretera de la que es responsable la Diputación».

«Cortando el tráfico». Todos sabemos que para servir as parroquias de Ouzande e Somoza hai dúas entradas: unha pola rúa Pérez Viondi e outra un pouco máis abaixo pola estrada de Forcarei, no lugar de Guimarei, moi ben sinalada.

«Actuaciones que además generan un grave riesgo para la seguridad vial». Obvio razoamento, pensando así nunca se poderían facer obras de ningún tipo.

No segundo entre comiñas lemos: «La paralización de los trabajos de Ouzande no responde a un capricho»? ¿? Excusatio non petita accusatio manifesta. «Ya que la Diputación siempre colabora en iniciativas para mejorar sus viales y servicio a los ciudadanos». Non dubidamos desa humanitaria tarefa, pero comprobamos que estas beirarrúas son, dende hai moitos anos, moi necesarias para unha estrada estreita ao máximo, que da servizo ás preto de setecentos habitantes das parroquias de Ouzande e Somoza, nas que case todos os veciños teñen coche, o que implica unha circulación intensa. Son moitos os peóns que percorren esta vía co perigo da súa integridade física.

Item máis, esta estrada posúe nas súas beiras un rico patrimonio cultural: fermosa igresa románica, catro ben conservados cruceiros, un singular grupo de hórreos e unha variada riqueza paisaxística.

Arránxense pronto pois, as deficiencias técnicas para que axiña sexa realidade o mellor paseo que ten, tan preto, a vila da Estrada.