Cando se cumpren cinco décadas da súa morte, sae á luz a faceta do escritor como traballador municipal, posto que exerceu ata os 70 anos sen lograr unha praza fixa
12 nov 2009 . Actualizado a las 02:00 h.A precariedade laboral, os ERE e os eternos contratos en prácticas non son un invento recente. De todos eses problemas xa sabía Ramón Cabanillas, o exemplo do eterno interino que pasou cincuenta anos exercendo como traballador municipal en distintos concellos galegos e nunca conseguiu unha praza fixa.
Empezou con 19 como oficial interino de contabilidade en Cambados e rematou aos 70 anos como interino de secretaría e intervención en Dozón, pasando tamén por Silleda. Toda unha vida percorrendo casas consistoriais e sen praza debido ao expediente de depuración que pesaba sobre el e que foi recentemente atopado no concello de Meis por un estudante.
Esta imaxe descoñecida do escritor foi na que traballou Luis Rei, autor da biografía Ramón Cabanillas. Crónica de Desterros e Saudades , e da que se falou en Mondariz Balneario no acto de homenaxe polo 50 cabodano da súa morte. Xustamente o seu vencellamento co Concello, do que onte presumiu o seu alcalde foi tamén un dos capítulos reseñables da publicación.
«Preto dun terzo da súa obra foi impresa en Mondariz, ao igual que o seu discurso de entrada na Real Academia Galega. Enrique Peinador foi o seu mecenas e tamén lle procurou un traballo no Concello. Ademais, cando se formou o municipio do Balneario, foi concelleiro da primeira corporación», lembra Luis Rei, bibliotecario de Cambados e que comezou de xeito casual a recibir información sobre Cabanillas e a investigar dende fai máis de vinte anos.
Non só contou con esta honra. Na época en que exerceu como secretario no Concello de Mos, entre 1917 e 1921, era o traballador que máis cobraba, mérito que mantivo noutros municipios. Pese a todo, pasou moitas penalidades na súa vida, se cadra pola pouca estabilidade dos seus postos de traballo.
«Dicía con humor que lle gustaban máis as contas que os versos, que eran máis entretidos e que lle rendían máis», asegura Luis Rei. Quen lle saca das penurias económicas é Peinador. Grazas a iso se chegan a publicar en Mondariz A rosa de cen follas , Bendito San Amaro, A man da Santiña ou A noite estrelecida como escritos que logo se repartiron de xeito gratuíto.