Colectivos lalinenses venden mil rifas para un capón, e a doazón do 0,7% irá para o Concello para fins culturais
10 nov 2009 . Actualizado a las 02:00 h.O Naranxo, Manuel Ferreiro, A Tarabela, Foro para Cultivos Culturais e Voluntariado O Bico Rabudo son as cinco asociacións culturais e sociais de Lalín que acaban de pór en marcha una sorprendente iniciativa: O Caponazo. Unha idea que xurde como unha excusa para xuntar asociacións e para recaudar fondos que investirán -os distintos colectivos- no que consideren máis oportuno. Mil euros é a cantidade que se prevé recaudar en concepto de venda de rifas, que se están despachando dende o pasado sábado, e cuxa doazón do 0,7% irá a parar ao Concello de Lalín para proxectos culturais. «Temos que axudarlles aos que están en crise. As cuestións culturais neste concello o están. Só hai que botar unha ollada á programación cultural deste concello nos últimos meses... Dez mil voltas lle dá, por exemplo, A Tarabela, onde xa falta espazo e días para poder organizar máis actividades. Demostra, pois, que se poden levar a cabo moitas actividades case con coste cero», segundo comentaron os promotores desta iniciativa na súa presentación no Barriga Verde.
Os interesados en facerse cunha rifa de O Caponazo, que custa un euro, deberán de dirixirse aos integrantes dos cinco colectivos que secundan a iniciativa. «Algunhas rifas mesmo viaxaron para a Taberna Maceira, de Madrid, pero aínda quedan boletos». O capón cebado -rubio, bon e ao que xa lle botaron o ollo- irá a parar á persoa que posúa o boleto cuxas tres últimas cifras coincidan co cupón da ONCE do vindeiro venres 18 de decembro, día de feira na capital dezá. Un capón que ten caducidade, e que haberá que recoller nun tempo máximo de trinta días. Premio que, segundo rezan as bases de O Caponazo, estará depositado na Taberna O Galopín.
Esta é a primeira iniciativa asociativa, lúdica e reivindicativa que protagonizan conxuntamente O Naranxo, Manuel Ferreiro, A Tarabela, Foro para Cultivos Culturais e Voluntariado O Bico Rabudo pero pode non ser a última. «Posiblemente xurdan máis iniciativas encamiñadas a fins propios de desenvolvemento do movemento asociativo e cultural, que tanto leva feito».
O integrantes dos colectivos lalinenses que apoian esta campaña tamén criticaron a falta de relacións co Concello. «Sempre se lle pediron reunións aos concelleiros de Cultura e sempre a petición quedou nun único encontro. E non nos queixamos de Nuria Rodríguez que é, de todos, unha das máis receptivas dos que ocuparon o cargo. O que sí se nota cada vez máis é a inapetencia cultural deste Concello. Para o eido cultural non hai fondos, e o pouco que ven é a Lalín é -en moitas ocasións- a través de entidades bancarias».