Queremos Galego afinca no Deza

M. Garabantes

DEZA

O Casino de Lalín foi o lugar escollido pola plataforma Queremos Galego do Deza para facer a súa presentación en sociedade e dar a coñecer os seus proxectos máis inmediatos. O colectivo presentou aos que exercerán como voceiros da plataforma no Deza, Luís Couto, Marta Negro e Victorino Gutiérrez, e deu a coñecer os catorce colectivos que xa se integraron na mesma. Amais de persoas individuais, Queremos Galego no Deza conta co respaldo de Adellís, a Comisión pola memoria Siñor Afranio, Xeración Nós, Bico da Balouta, O Naranxo, a asociación Manuel Ferreiro, Tarabela, Asociación da Mocidade Cambota, Os Xabañús, Focucu e os Equipos de Normalización Lingüística do IES Manuel Rivero, do Pintor Colmeiro e do CEIP de Bandeira. A plataforma Queremos Galego do Deza, unha das 19 xurdidas por toda Galicia, contará ademais cunha comisión xestora.

A manifestación do vindeiro domingo en Compostela, que terá saída na alameda ás 12 horas, será o acto central da plataforma cidadá. Os voceiros do colectivo no Deza subliñaron o seu carácter de «histórico» en defensa da lingua. Antes de facerse unha foto de familia, os voceiros de Queremos Galego do Deza puxeron sobre a mesa os principios fundacionais da plataforma, a súa non vinculación co nacionalismo, e a proposta para unha iniciativa lexislativa popular que se está a impulsar.

A asociación agolense acudiu o domingo á cidade herculina onde visitou os seus lugares más senlleiros. O colectivo está a traballar na organización dun curso de informática.

Técnicos da concellería de Medio Ambiente lalinense reuníronse na tardiña de onte con integrantes da asociación de Amas de casa Laxeiro para presentarlles o programa «Fogares verdes».

Onte comezaron a impartirse na Casa da Xuventude de Lalín dous cursos de aerobic e barro para mozos que se prolongarán ao longo dos vindeiros meses. As iniciativas aínda manteñen aberto seu prazo de inscrición.