Onde estamos nós cando nos len

La Voz

DEZA

A arte contemporánea afíxose a non ter repercusión. Parece que se sente cómoda nesa circunstancia de moita especulación e poucos ollos. En realidade non é un mal específico, pero quizais na contemporánea se deixe sentir moito máis porque a renuncia a explicar que está sucedendo é unha evidencia e porque están sucedendo moitas cousas que non teñen ningún reflexo na arte contemporánea.

O ERE dos personaxes

Onde van os personaxes cando rematan as novelas é a pregunta que se fai con insistencia Dora García. Nestas alturas do século XXI a resposta obvia sería: marchan ao ERE dos novelistas, a buscarse a vida entre as ringleiras dos paro dos personaxes, na busca do autoemprego ou tentando conseguir a un Pirandello da vida que lles dea unha historia na que participar. Dora García pon en entredito esa idea de que os personaxes finiquitan cando o autor quere. Pero a vida que suxire a artista que expón no CGAC non parece moito mellor que a que calquera autor pode redactar. E quizais sexa iso: que non hai posibilidades de personaxes con boa vida porque pasalo ben non arma historias. A felicidade ten, no que a arte se refire, un perfume total a bobería e por iso ninguén quere falar das cousas felices. Ben podería comezar a arte contemporánea, tan afeita a prescindir da opinión dos espectadores, nesta singular tarefa de conquista da épica da felicidade, da súa narrativa particular de sucesos que, segundo presumen os clásicos, non teñen nada que contar e nada que dicir. Que evidencian o esgotamento do discurso. Un discurso que, por acaso, teña monomanía de mirar sempre cara ao mesmo lado. A ese espazo no que se conservan as pelusas. Porque o embiguismo é o centro da felicidade.

Dez minutos de nada

Cando menos, os personaxes dunha novela poden ter unha vida activa de entre hora e media e cinco horas. Logo esmorecen nunha memoria ocupada por quefaceres diarios, por facturas inoportunas, por citas inescusables de familia que todo o mundo quere esquecer pero non consigue. ¿Pero que pasa cos personaxes dunha curtametraxe? Que pasa con esta xente atrincheirada na brevidade, ¿canto dura a súa vida útil? E ¿canto tempo han de pasar no limbo da especulación memorística? É certo que as curtas cada día son máis longas e que case non hai maneira de que un director de curtas pense no xénero en lugar de pensar nunha longametraxe de bolsillo. É pensamento xíbaro, pero aínda así, aínda con vinte minutos de longacurta, que fan os personaxes cando remata a metraxe. Ben poderían xuntarse nunha suprahistoria que só é valida en función do que faga o espectador ese día. Ou, por exemplo, no caso de Curtocircuíto, cada personaxe acaba no bar xuntándose cos personaxes das outras curtas exhibidas no seu mesmo programa. E así ese tutsi que conseguiu fuxir da matanza dos hutus e ten como principal misión da súa vida contalo e pedir xustiza, conviviría con ese mangado de transexuais que, utilizando un circunloquio cínico, fan a rúa. Facer, fan outras cousas pero pasan moito tempo na rúa. Así que todos xuntos escriben outra historia. Pero non se confíen neste truco narrativo, tampouco se encontran grandes amabilidades porque as desgrazas, por moi brevemente que se conten, seguen sendo grandes desgrazas.

O valor dos pasos

Hai xente que confunde non mirar con non ver. Pero cousas que mirar hai dabondo. E cousas nas que intervir. Seguramente non mirar é a maneira máis cómoda de non ver e nesa primeira barreira desaparecen a maior parte dos problemas que non caen directamente no buzón. Por iso está todo o mundo na obriga de contar todas esas desgrazas que se suceden cada día nos telediarios, todas esas desgrazas que deixan de ser noticias porque hai máis desgrazas ou corrupción ou fútbol pero que seguen sendo desgrazas en activo por máis que non miremos para elas. E que non miremos non deixa de ser unha desgraza máis.