O romanticismo é cuestión de prexuízos. Non aquel orixinal inzado de boas intencións, proclamas inxenuas, música nacional e calexóns sen saída. O romanticismo que é cuestión de prexuízos é aquel que propagou a clase media menos lida, composto entre outras cousas de unha morea de metáforas inocentes e dalgunhas frases máis ou menos contundentes.
A día de hoxe unha das cousas máis difíciles de explicar no mundo é o romanticismo porque desque El Corte Inglés celebra o día dos namorados e todo o mundo pensa que iso é un asunto romántico, xa non hai quen lle dea a volta ao campo semántico do termo. Se es romántico es sensible, se es sensible es detallista, se es detallista es romántico. Un círculo vicioso que acaba sempre na florista.
Todos fomos románticos algunha vez, pero non creo que á maneira de Chopin ou Schumann, fomos románticos de circunstancias, abeirados en ocasións a esa idea de que o romanticismo é facer cousas sen un fin remunerado, pola xustiza das causas ou pola necesidade do destino. Un círculo vicioso que acaba sempre no desemprego.
Dende o punto de vista romántico o lied debeu ser como a primeira versión da música lixeira. Un avance de que, ao cabo, as clases medias non están tan polo labor das grandes distancias, que prefiren ese predominio da canción cos seus tres minutos, co seu amor polo medio. Tamén é verdade que a lixeireza é un concepto que vai cambiando cos séculos como ben poderá comprobar nestes días calquera seguidor de The Beatles.
A morte nos tempos do cólera
Os románticos falaban da morte como se nos lle preocupase. O mesmo podería ser unha consecuencia da súa exaltación. A exaltación é moi mala e na maior parte dos casos non é máis que a sublimación de fluídos que non seguen o seu curso natural. A Roberto Vidal Bolaño, que nunca na súa vida foi romántico nin nada parecido, si que lle preocupaba a morte. Primeiro a morte e logo todos eses rituais aos que estamos afeitos e que, máis que favorecer a memoria do morto, favorece o tránsito dos vivos. Quizais por iso Vidal Bolaño, que xa logo leva unha década desaparecido, asomouse á morte cun punto de distorsión, de exposición dun asunto que nunca chega a ser asumido de maneira natural. E niso, sen querer ou adiantándose, coincidiu con House: «A case morte non cambia nada, a morte cámbiao todo». Púxose a escribir sobre todo iso, pero non co ánimo de facer drama senón coa intención de demostrarnos aos mortais que arredor da morte hai demasiada cerimonia de utilidade dubidosa. A morte non ten remedio e o autor, lonxe de alporizarse por esta cuestión que tan dramática foi explicada por algúns románticos, entendeu que o lóxico era desmitificala, explicala da única maneira posible: sinalando como afecta á vida.
Para Vidal Bolaño un dos asuntos que non era negociable é que nos autotitulásemos vítimas da morte porque é unha condición demasiado común como facer dela ningún protagonismo. Outra cousa, ao cabo, é o que fagan con Vidal Bolaño. Pero ao dramaturgo a morte merecíalles tanto respecto que nunca quixo tratala ben de todo.
A raíña e os seus súbditos
Facer tributos ás bandas é como darlle ao karaoke culto. As bandas tributo son unha febre de pola semana, unha gripe que está ocupando aqueles espazos da nostalxia. Eu sempre pensei que o rock era o contrario da nostalxia e, polo tanto, era necesario tocalo pero non renderlle tributo. A realidade vaime levando a contraria, pero un non quere facer excepcións así que só entendo os grupos de tributo como o recoñecemento de que xa non imos poder escoitar aos auténticos, un asunto no que a nostalxia das cousas idas poden sobre as posibilidades que ofrece o día a día. Que se trate de Queen tampouco alivia moito. Hai cousas que, como dicía o meu avó, é mellor deixar estar. Pero hai romanticismos para todo e quen sabe se as bandas tributo son unha nova maneira de abrir mercado.