Pena, que opta á reelección, convida ao socio da entidade a dirixirse á xunta electoral ante as queixas prantexadas
05 sep 2009 . Actualizado a las 02:00 h.A Sociedade de Caza e Pesca de Silleda atópase inmersa nun proceso electoral, que culminará o 26 de setembro coa elección de nova directiva. O silledense Aurelio Fernández Villaverde acusou ao presidente en funcións de tratar de impedir que presente a súa candidatura.
-En que fase está o proceso electoral?
-Este domingo acaba o prazo para a presentación do censo electoral. As candidaturas poderán presentarse dende o luns e até o día 13 e as eleccións están fixadas para o sábado 26, de 8 a 22 horas, na Casa da Cultura.
-Todo socio da entidade pode presentarse á presidencia...
-Así é. Contamos con cincocentos socios que poden presentar candidatura sempre que estén ao día nos seus pagos, tal como se contempla nos estatutos.
-Entendo que Aurelio Fernández tamén pode presentar candidatura...
-Eu non llo impido. Se tén algún problema debe dirixirse á xunta electoral. Eu son só presidente en funcións pero o que sí é certo é que tén que estar ao corrente dos pagos. A principios de outubro a sociedade puxo á venda os recibos para os socios. Creo que tivo tempo suficiente para pagar o recibo, como fixemos os demais.
-O pago de recibos non está entón ao día?
-Non. Unha persoa, un socio da Sociedade de Caza e Pesca de Silleda que presume de querer facer as cousas tan ben nen sequera abonou os cen euros do ano pasado.
-Como encaixa as acusacións de Fernández Villaverde?
-Síntome mal polas mesmas. Ven sendo práctica habitual desta persoa criticarme nos medios de comunicación pero a verdade é que é unha mágoa ter un socio coma Aurelio Fernández Villaverde na sociedade. Non sabe por onde anda. Sinto pena de ter un socio así.
-Convida aos socios a participar activamente neste proceso democrático?
-Ogallá que o volume de participación sexa moi elevado. Sabemos que se presentarán tres candidaturas e iso é bo. Nun estado democrático é sano que exista participación e que libremente os socios voten.
-Oito anos de presidente, máis de vinte nas directivas da sociedade, é optimista de cara a súa reelección?
-Sí, penso que teño moitas posibilidades. Xa comentei que preciso continuar para acometer tres cuestións moi importantes de cara á vindeira campaña: a creación do campo de tiro -que precisa de financiación-, o coto de caza intensivo -aprobado pola Xunta- e o coto de reo -que irá ao comité de pesca-.