O 29 de maio arrancarán as representacións teatrais en Lalín e temas do novo musical se presentarán o 26 de xuño
22 may 2009 . Actualizado a las 02:00 h.Despois de meses de ensaios e de traballo os grupos integrados na Escola Municipal de Teatro de Lalín se preparan para pór en escea as súas obras con motivo da inminente chegada do fin de curso.
O responsable da escola está rematando o calendario de actuacións dos grupos constituidos en centros educativos, instituto e en diferentes parroquias do termo municipal. Na vindeira semán arrancarán as postas en esceas. «Estamos agora cos últimos ensaios. No caso do colexio de Prado onde hai dous grupos formados, un deles xa levou a cabo a súa representación con motivo da celebración do Día das Letras Galegas e o outro ten previsto amosar o seu traballo a finais do vindeiro mes de xuño», salientou o director da escola Xosé Manuel Ogando Montes. A maioría dos grupo de teatro representarán as súas obras no Novo Salón Teatro. Serán cinco agrupacións ás que se poderán ver sobre dito escenario. «A intención é que haxa dúas veladas teatrais. A primeiro será o último venres deste mes de maio, o vindeiro día 29, e na penúltima semán de xuño haberá outras representacións».
A Escola Municipal de Teatro de Lalín que está na súa undécima tempada formativa iniciou nestes últimos meses a posta en escea dun musical. Trala selección de músicos e do numeroso elenco de artistas que se precisan para levar a cabo esta montaxe, en breve o público poderá escoitar e ver un breve adianto do que será o produto final. «Actualmente xa temos catro ou cinco temas do musical preparados polo que a idea é darllos a coñecer ao público. O vindeiro 26 de xuño pretendemos ofertarlles aos interesados un adianto do que será o musical. Non está rematado. Falta aínda bastante para elo pero é para que a xente vexa como vai o proceso e tamén teña unha idea do que será o resultado final». O estreo do musical non se producirá, con toda probabilidade, ate despois do verán. O que está tamén bastante avanzada é a elaboración do vestiario que lucirán os actores na obra. «Contamos cun sastre qu está traballando na confección do vestiario e os chavales tamén colaboran coa aportación de todo tipo de complementos que se requiren para esta peza».
A escola ten previsto potenciar de cara ao vindeiro curso o traballo cos audiovisuais. «As primeiras experiencias realizadas este ano foron moi positivas. Os rapaces fixeron cortos e xurdiron traballos moi interesantes. Abriuse unha vertente moi importante na que continuaremos afondando para o ano».