Marea de esperanza para o galego

DEZA

A choiva non puido co espírito reivindicativo e os más de 3.100 escolares inscritos no Correlingua da Estrada ateigaron o recinto feiral de mensaxes de apoio ó idioma

15 may 2009 . Actualizado a las 10:05 h.

Ó final choveu. Cumpriuse o peor pesadelo da organización e as nubes quixeron acompañar ó Correlingua. Sen embargo, non foron quen de deslucilo. Máis de tres mil escolares dos colexios da zona estaban inscritos e máis de de tres mil acodiron á cita coa defensa da lingua. Bastantes máis. A organización contaba en principio con 3.100 alumnos de 26 centros educativos da Estrada, Lalín, Silleda, Forcarei, Caldas de Reis, Cuntis, Moraña e Teo e das escolas infantiles municipal da Estrada e Elfos. Só os rapaces das garderías anularon a participación por mor do mal tempo. O resto abarrotou o pabellón feiral da Fundación de exposicións e congresos ata facelo quedarse pequeno. A organización convidou a sumarse á iniciativa a todo aquel que quixese e, a xulgar pola participación, sospeita que algún centro máis seguramente improvisou a visita.

Non puido haber marcha polas rúas, pero o pavillón convertiuse nunha marea de rapaces uniformados coa camiseta branca do Correlingua. No peito lucían o lema do encontro: «En galego, pásao!». Pero non era a única mensaxe que transmitían. Gorras, banderolas, adhesivos e pancartas insistían en reivindicar o idioma e en animar ós galegos a facer uso del cun totum revolutum de eslóganes para todos os gustos. Non faltou quen fixo do propio corpo un reclamo propagandístico a favor de Galiza, do galego ou das súas ideas políticas. Varias mozas pintaron a cara de branco cunha franxa diagonal celeste e non faltaron os que convertiron o nariz nunha estrela vermella. Houbo quen defendeu o galego a ritmo de pandeireta e houbo que berrou canto lle deu a gorxa. Cada un á súa maneira, avogou por un uso do galego normalizado en tódolos ámbitos da vida.

A avalancha pro galego foi recibida por un grupo de gaiteiros do IES García Barros. Á música seguíronlle outras actuacións dos colexios Pérez Viondi, Figueiroa, Cabada Vázquez e San Clemente. Para pechar o capítulo de espectáculos, o Zampón o lambón de Fantoche Baj deixou ós máis novos coa boca aberta.

A despedida chegou en forma de entrega de lotes de libros e diplomas. Cada centro recibiu un globo xigante. Un globo con nada menos ca un metro de diámetro que se soltou a voar á saída do recinto feiral. Soltáronse ó berro de «Partiu», como metáforas voadoras do Correlingua, que vai levando de vila en vila a reivindicación do idioma propio nos días previos á celebración das Letras Galegas.