Din por aquí que a crise está levando á xente de volta á lectura. A algúns de volta e a outros por primeira vez. Meu avó diría que non hai mal que por ben non chegue, pero creo que é unha esaxeración. Por chegar a algunha conclusión, poderiamos dicir que a cultura está moi ben en tempos de crise.
Mentres seguimos lamentando o caduco que está o modelo de feiras do libro e seguimos sen cambialo a Feira de Santiago vai reducindo o seu tamaño para quedar máis perdido na masa vexetal da Alameda. Este ano, cando menos, hai moqueta para que os pasos arredor dos libros se parezan máis aos que din que dan as xentes importantes. Un punto de luxo nunca está mal, aínda que sexa nun mundo en crise.
Que a xente volva á lectura pode ser porque é máis barato ler que case calquera outra cousa ou pode ser que se deba a que cando todo está en transformación para mal é preciso encontrar espazos en calma. Fronte a calquera outra maneira de coñecemento ou evasión, o libro é un territorio tranquilo. Para respirar. En moitos sentidos a sociedade necesita recuperar os hábitos lectores. Porque houbo un tempo que tiñamos tan abandonado o costume de ler que non líamos nin os contratos laborais, nin as hipotecas que firmábamos, nin os papeis do divorcio. Nin sequera liamos os recibos de Fenosa. Por esa vía de non ler fomos perdendo a capacidade de manobra, os dereitos e ata certa axilidade mental de cruzar as ideas como se cruzan as palabras nos pasatempos. Como somos prácticos tamén teremos que declarar que perdermos cartos porque todo o que se perde ten unha inmediata tradución económica.
Se a crise nos empuxa a ler seguiremos sen aplaudir a crise, pero aplaudiremos máis a lectura. A crise pasará algún día máis pronto que tarde e haberá que ver se somos capaces de conservar os bos costumes e continuar cunha actividade que axuda a pasar os malos tempos.
No fondo, a lectura é iso: un bo costume que axuda a tantas cousas que acaba por pasar desapercibido. Quizais nunca leamos suficiente ou quizais sucede que lemos tanto en tantas cousas que estamos cansos para ler libros.
Pero a crise está de volta co seu apocalíptico ruído de campás e vainos retornar ao bo camiño: non deixar de ler. Ler a letra pequena de tantas cousas que nos pasan por diante, ler os programas electorais, as leis e os decretos. Ler todo de maneira que non nos toureen máis. Ler para saber e logo chegar a casa, ler un libro e descansar.