«A situación do galego é dramática»

Alfonso González

DEZA

Subliña que «non hai ningún problema para que non se utilice máis o idioma»

15 abr 2009 . Actualizado a las 02:00 h.

A profesora Goretti Sanmartín participou onte na segunda xornada da Semana Galega de Filosofía, adicada este ano ao tema da educación, cunha conferencia sobre a lingua galega, na que a profesora salientou que o compromiso co idioma pasa nestes momentos por «un reforzo da calidade da lingua e da nosa seguranza lingüística, un aspecto que estivo sendo moi pouco potenciado nos últimos anos».

-O seu plantexamento defende o potenciamento do galego no ensino.

-Si, evidentemente que o ensino é un dos lugares privilexiados de formación e de construcción individual e colectiva, e por tanto pode reforzar a utilización do galego, non só como unha competencia posible, en que teñamos facilidade para expresarnos no noso idioma, senón para nos construirmos nel. Eso só pode facerse desde un reforzo da seguranza lingüística, da posibilidade de ter diferentes materias nel e non só utilizalo como lingua na materia de Lingua e Literatura Galega.

-Neste senso ¿preocúpanlle as medidas que se poidan adoptar por parte da nova Xunta de Galicia?

-É evidente que penso que toda a sociedade galega que teña un compromiso co noso idioma sabe que a situación do galego é unha situación dramática, que pode reverter o proceso de substitución lingüística que xa está iniciado. Mais por suposto que existe unha preocupación ao respecto de que poidamos non seguir camiñando cara un lugar que era lóxico e que mesmo a algunhas persoas xa nos parecía máis que prudente, máis que tímido, a necesidade de que se cumpra a lexislación vixente, o plan xeral de normalización da lingua galega. E por tanto a necesidade de que o alumnado reciba tamén galego a través das distintas materias, o galego como lingua vehicular, como lingua de uso. Porque senón, simplemente o coñecemento pasivo, ao final non serve de nada. As linguas non son meros instrumentos de comunicación, senón que a través deles construímonos. Sen esa autorización vehicular das distintas materias é imposible.

-¿Pero fíxose mal a implantación progresiva do galego ou a que atribúe vostede o rexeitamento político-social que tivo o decreto do ensino no goberno do bipartito?

-Eu non quero falar desde unha perspectiva política, senón educativa. E desde ela, non hai ningún problema no mundo educativo para que exista realmente un potenciamento do galego en distintas materias. O único que habería que facer é complementar iso con un programa bó de formación e de explicación á comunidade educativa. Pero penso que aquí hai unha cuestión política de fondo, moitas veces dirixida desde fóra do noso país, que o único que pretende é causar alarma social. E non xulgo que exista ningunha alarma social por parte da comunidade educativa. De feito, o decreto do ensino o único que facía era volver a poñer enriba da mesa algunhas cuestións que xa estaban en decretos anteriores. O único que pasa é que non chegaron a cumprirse. A cuestión está en que sempre hai algo conflictivo cando se intenta levar a cabo algunha medida positiva. Se as medidas non se desenvolven máis alá do papel non hai conflito.

-¿É posible o consenso político despois do ocurrido esta lexislatura e do anuncio de que se vai a derogar o decreto?

-O consenso mínimo está feito. Penso que non houbo aí un intento dun radicalismo lingüístico por parte do sector nacionalista, senón que eran medidas baseadas nun consenso anterior á formación deste Goberno. O consenso estaba no plan de normalización lingüística aprobado por todas as forzas políticas con representación parlamentaria. A cuestión é como ás veces os partidos desfán determinados consensos por intereses puntuais, que poden crispar moito algunhas capas ou sectores. Eu insisto en que por cuestións que non son inherentes á lingua. O compromiso coa lingua debe ir por enriba da pertenencia a un grupo ou sector e nesa liña o primeiro é garantir e reforzar o uso e o coñecemento da lingua galega.