Historias de vida en Roquetes

Amelia Ferreiroa

DEZA

Acaba de ver a luz «Unidos por el flow», libro de Xaime López, no que Ñetas e Latin Kings amosan a súa realidade

13 mar 2009 . Actualizado a las 02:00 h.

O proxecto desenvolvido polo lalinense Xaime López Villar en Barcelona, no Kasal de Joves de Roquetes, está enfilando unha nova etapa: a do achegamento á poboación.

O proxecto «O porta-voz dun soño» no que dúas eternas bandas rivais: os Latin Kings e os Ñetas se xuntaron para pór en marcha unha serie de iniciativas en común a través da música está sendo espallado por Xaime López entre os mozos de Lalín. Recentemente faloulle deste proxecto aos alumnos do IES Laxeiro, e hoxe fará o propio cun grupo de alumnos do IES Aller Ulloa da capital dezá. Para o público en xeral, e para todos os interesados no tema, o vindeiro venres 20 de marzo ás 21.30 horas haberá unha pequena presentación de dito proxecto no Barriga Verde en Lalín. Proxecto que quedou plasmado nun libro: «Unidos por el flow», que xa está á venda en librarías da capital dezá «e en toda España. Mesmo fóra. O libro está recén saído do forno pero xa hai demanda do mesmo en Estados Unidos e en Latinoamérica que son onde están as grandes comunidades das organizacións dos Ñetas e dos Latin Kings», salienta Xaime López. A publicación contén unha memoria do proxecto e de como xurdiu esta iniciativa, aparece unha analise antropolóxica e sociolóxica da cuestión abordada e unha narración das historias dos xoves que contan as súas experiencias e os que os levou a formar parte dunha banda. Un libro no que colaborou o contacontos lalinense Celso Fernández e o escritor e poeta Sechu Sende. «Eles estiveron unha semán en Barcelona, elaboraron entrevistas que logo pasaron ao libro. Son historias de vida destes mozos, falan do seu, do que lles pasa e de como se decidiron a formar parte dos Ñetas ou dos Latin Kings». Pero esta publicación non se vende soa. Vai acompañada dun disco coas dezaséis cancións que interpretan conxuntamente integrantes das dúas bandas e unha ampla reportaxe explicativa do proceso realizado nos últimos anos.

A contía que se vaia recadando en concepto de venda de libros se destinará á autoxestión do proxecto e «servirá tamén para axudar aos rapaces. A maioría está agora en situación de desemprego. O 90% traballaba na construcción e actualmente están en situación de parados polo que co diñeiro que vaia entrando poderán, polo menos, facer fronte aos alugueres».

Xaime López xa se prantexa novos retos e obxectivos. A finais deste mes emprenderá viaxe a Guatemala, El Salvador e México para coñecer de preto algúns proxectos de cooperación que se están realizando en ditos países a través de oenegés.