O mítico bar de Santiago A Casa das Crechas celebra os seus 22 anos de vida.
12 mar 2009 . Actualizado a las 19:41 h.Que As Crechas cumpran 22 anos de vida comercial quere dicir que levamos bebido moito. Un dos peores costumes da sociedade occidental é que buscamos coartadas para beber cando deberiamos buscalo para todo o demais. Buscamos desculpas para pasalo ben porque crimos aquela historia de que ao mundo se viña a padecer e está moi feo pasalo ben sen motivo.
Con ese número 22, tan querido nos bingos, a Casa das Crechas tenta marcar un novo récord de resistencia. Sobreviviu a adolescencia folkie, a todas as festas do apóstolo, as albas de gloria e a toda eses homes que con axilidade pero sen respecto utilizan os recantos máis próximos para non ter que cargar con líquido innecesario.
Sobrevivindo ao cerco de Leningrado e a estreitez dese corredor-barra que a tantas contorsións obriga, As Crechas vai mantendo o tipo dos locais vellos con animo para facer ruído, por máis mal visto que estea. Porque é verdade, mal que nos pese, que para beber é para divertirse parece que é mellor pola vella. Porque, ademais de desculpas, para beber algo a gusto precisamos saber que alguén bebeu no mesmo lugar antes ca nós.
Saber que antes fixeron tamén unha das grandes desculpas inútiles de Occidente. É como unha patente de corso con cobertura total. Pero podemos aproveitar a falta de catarse destes tempos e decidir que xa non fai falta respecto ao pasado senón intelixencia. Que non precisamos outra cousa que tomar algunhas decisión.
Nas Crechas, agora, hai menos folk que hai tempo. Tamén é de agradecer porque como dicía o Che (o do Irixo non, o outro) «Hoxe todo ten un tono menos dramático porque somos máis maduros, pero o feito repítese».
E o feito que se repite é que temos que seguir facendo algo para divertirnos. Por máis que alguén tomase decisións que non gustaron nadiña.