O novo técnico trasdezano atopa prioritario renovar o estado anímico da plantilla para encarar a pelexa pola permanencia
11 mar 2009 . Actualizado a las 02:00 h.A Sociedade Deportiva Silleda quería a «un home da casa» para ocupar o baleiro deixado por Rafa Dacosta trala súa dimisión, e o elixido foi Manuel Herrero. O home que tomou as rendas do equipo para a Copa a pasada tempada trala marcha de Luís Bermés, volta a dirixir ao equipo de Primeira Autonómica, e faino cun obxectivo «complicado»: conseguir a permanencia.
-¿Podería cualificarse de «papeleta» a misión que ten vostede por diante?
-Non, non é unha papeleta, porque aceptei a proposta de bo grao. A miña vida persoal e deportiva está moi vinculada ao Silleda dende hai moito tempo, e dende o momento no que me propuxeron coller o equipo, dixen que si. Estou aquí para o que faga falla. Agora, para tentar conseguir a permanencia nunha categoría á que o equipo ascendeu cando eu era xogador.
-Quedan 9 xornadas para rematar a Liga, e o Silleda é colista con 23 puntos. ¿A permanencia é factible?
-É un obxectivo complicado, porque tal e como está Preferente, en vez de baixar tres equipos, pode que cheguen a baixar cinco, e iso obriga a sumar aínda máis puntos. Dos 27 puntos que quedan por poñer en xogo temos que facer todos os da casa, e tamén todos os que se poidan fora para tentar chegar a outros 23 puntos. Non vai ser doado porque quedan poucos partidos para reaccionar.
-¿Cara onde dirixirá o traballo?
-O primeiro é levantar a moral dos xogadores, e logo traballar con catro notas tácticas, e listo, pero o máis importante é o estado de ánimo. Se os xogadores están motivados, saen con outra moral ao campo.
-¿O calendario axuda?
-Nós temos que ir partido a partido. Aínda nos quedan equipos moi duros contra os que xogar, como son o Mugardos, ou o Orillamar, pero polo momento só podemos pensar no Ribeira.
-¿A plantilla é suficiente?
-Penso que si. Temos 18 xogadores, e conto con recuperar pronto a Luís Carlos. Con esta plantilla deberíamos estar sobrados para conseguir a permanencia, o problema é que o fútbol non é unha ciencia exacta.
-Entón, ao Silleda tócalle traballar arreo, e agardar que todo vaia ben.
-Tócalle traballar á plantilla, ao corpo técnico, á directiva e á afición. Todos temos que apoiar para que o equipo saia adiante, e o primeiro é que todos os aficionados vaian o domingo ao Outeiriño. Teño que aproveitar ademais para desexarlle moita sorte a Rafa Dacosta, que teño por seguro que ten un futuro brillante como adestrador porque é un gran profesional, un gran adestrador, e está moi ben preparado.