O entroido de Lalín estreará mañán a máscara do Cacharelo e traxe colorista, basado na estética da comarca
20 feb 2009 . Actualizado a las 02:00 h.Un ano máis a Asociación Cultural O Naranxo ven programando unha serie de actos de entroido, que se celebrarán este sábado e o mércores da vindeira semán.
Unha das novidades deste ano é o lugar de saída da procesión de Santo Torrisco de Siracusa que se fará dende o barrio de A Cacharela, e non da Taberna da Praza como se viña facendo dende anos atrás. O motivo non é outro que exaltar a unión dos veciños deste barrio lalinense á hora de recuperar as tradicións do entroido. A cita será mañán ás 20.30 horas, e acompañando á procesión unha nutrida representación de músicos chegados dende o Conservatorio Folque de Santiago, os gaiteiros de Saidres, de Bico da Balouta e de Froitos do Deza; pero quedando a porta aberta a todas as incorporacións musicais que se queiran sumar á iniciativa.
Santo Torrisco xa non estará só no percorrido por sete tabernas da vila -onde se celebrará este ano un concurso de torresmos- senón que aí estará a máscara do Cacharelo á que se lle está confeccionando un traxe basado na estética e nas costumes desta comarca. Ruta polas tabernas que comezará na Casa do Antón e rematará no Barriga Verde coa interpretación dunha saeta na honra ao santo miragreiro. No entroido que organiza a Asociación O Naranxo non poden faltar as Coplas de Cego. Están rematadas e só falta pórlle un punto final antes de que sexan escoitadas polo gran público. Vintecatro coplas que glosan un ano de aconteceres informativos no pobo. Coplas nas que está permitida a retranca, o sorriso, a picardía, ironía e atrevemento. A crise, o urbanismo, o futuro centro de alta resolución lalinense ou a exposición do Lalín Pork Art terán cabida nunhas coplas que se distribuirán polos bares lalinenses e mesmo se poderán ollar na páxina web do colectivo lalinense.
O que aínda non está totalmente argallado é o Enterro da Sardiña, do Mércores de Cinza. Falta por definir que motivo pasará a ser pasto da lumeira. O que sí se manterá será o reparto de velas entre os asistentes ao acto para despedir ao entroido, o loito riguroso co que acudirán os participantes e a colocación e lectura da esquela na que se dará conta da tristura do momento. Dende a Asociación Cultural O Naranxo se destacou a incorporación de xente nova á programación de Entroido -e a outras actividades nas que traballa o colectivo- ao igual que o grao de colaboración que se está levando a cabo cos veciños de A Cacharela na procura de recuperar vellas tradicións como as de entroido.