Cabaleiros do Deza programou para finais deste mes a Ruta a Zobra, que vai pola vixésimo primeira edición
15 ene 2009 . Actualizado a las 02:00 h.«A máis loada de Galicia e a máis coñecida de todas». Desta maneira describe o presidente da Asociación de Cabaleiros do Deza, Francisco Toimil, a Ruta a Zobra que teñen previsto realizar os vindeiros días 31 de xaneiro e un de febreiro.
O colectivo leva vinte edicións realizadas á mesma parroquia lalinense, e organiza a vixésimo primeira, cun percorrido semellante pero cunha diferencia: un aumento significativo dos participantes ano tras ano. Para esta edición, as previsións apuntan aos douscentos participantes, á espera de ter os resultados definitivos de asistencia que se coñecerán o domingo 25 de xaneiro que é cando conclúe o prazo de anotación fixado pola organización.
Cabalos e xinetes sairán ás catro da tarde do sábado día 31 de xaneiro de Mouriscade, do Clube Hípico que posúe a asociación dezá, para posteriormente comezar un percorrido polos montes de Doade, Lebozán, Carrofeito e Vilatuxe para chegar á aldea de Chedas e rematar en Zobra, onde concluirá a ruta. Un ano máis a colaboración dos veciños da zona xogará un papel fundamental nesta actividade deportiva. «Os cabalos os aloxamos nas cortes que xenerosamente nos emprestan os veciños de Zobra», e de seguido os asistentes degustarán o prato estrela de Lalín: o cocido. Para aqueles que, despois do percorrido a cabalo e do cocido, aínda lles queden folgos a organización tén previsto contar con música e baile até que o corpo aguante. «Ao día seguinte, despois de espertar nunha das múltiples palleiras que nos protexerán das frías noites que caen e almorzar as típicas sopas de allo, comezará a volta». Como ven sendo habitual tamén nestes últimos anos, a parada dos cabaleiros para xantar será nos Carballiños. Os organizadores da ruta lembran que o prezo dos bonos é de 50 euros para os socios de Cabaleiros do Deza e de 55 euros, para os que non o sexan, e inclúe un refrixerio para o camiño de ida, a cea, barra libre, música, almorzo e xantar do 1 de febreiro ademáis do penso para os cabalos.
Por outra banda a asociación solicitou o servizo de cría cabalar e remonta, que depende do Ministerio de Defensa, para que Lalín sexa incluido un ano máis no circuito de inseminación artificial que realiza dito servizo dende a Universidade de Lugo que é onde estarán os sementais, de alta calidade xenética. Un servizo que é de grande interese para criadores, según a asociación.