Pencho: «O Estradense está sendo un equipo moi difícil de bater»

DEZA

16 dic 2008 . Actualizado a las 02:00 h.

O Club Deportivo Estradense deu continuidade en Redondela á súa boa racha ao vencer ao Choco por 0-2. Os pupilos de Pencho e Manolo Blanco encadearon o seu oitavo encontro sen perder, e deron un novo paso no seu obxectivo. Os tres puntos acadados en Redondela deixan ao Estradense como terceiro clasificado de Preferente Sur con 28 puntos, tan só dous menos que o líder, o Cruceiro de Hío, e un menos que o Cultural Areas, que é segundo con 29.

A vitoria fronte ao Choco serve para asentar na zona de privilexio ao Estradense, e ao tempo para ampliar un pouco máis a distancia co equipo de Redondela, que de ter vencido situaríase a tan só un punto dos de A Estrada. Ademais de amosarse satisfeito cos tres puntos asinados, Pencho subliñaba onte a importancia de non ter encaixado ningún gol por segunda semana consecutiva. «Levamos dúas semanas sen recibir ningún tanto, e iso demostra a evolución que está tendo o traballo», sostén o técnico. Botarlle un ollo á táboa clasificatoria é suficiente para detectar que o Estradense non está a ter problemas á hora de anotar, posto que se mantén como o equipo con máis goles a favor (33), pero agora ademais aséntase como un equipo coas ideas máis claras defensivamente. O co adestrador dos «rojillos» ten claro que «o Estradense está sendo un equipo moi difícil de bater, e máis xogando coma en Redondela». Respecto ao encontro fronte ao Choco, Pencho destacou a seriedade coa que o equipo prantexou o encontro, así como a seguridade que demostrou na liña de retagarda. «Nós sabiamos que non podiamos saír relaxados, e cumprimos», dixo Pencho, que recoñeceu que o gusto do rival por xogar e mover o balón facilitou a labor dos de A Estrada.

Evolución do xogo

Os datos do Estradense deixan ao equipo como un conxunto solvente e que asina unha boa liña. A pesar diso, Pencho considera que o equipo aínda non acadou o fútbol que pretenden el e Manolo Blanco. «En canto a xogo aínda non temos o que queremos. Sabemos que tivemos a xogadores lesionados e aínda os temos, e iso tamén inflúe», asegura Pencho, que lembrou que a baixa de Damián reubicou a xente como Fafú ou Silva en postos que a priori non lle son os máis axeitados. Pencho confía en que unha vez recuperados os lesionados e os sancionados o Estradense dará un pulo máis en canto a xogo.

Precisamente a amplitude da plantilla estradense, que conta con 22 xogadores aos que se lles podería sumar un novo central, é unha das vantaxes coas que parten os de A Estrada, «porque na segunda volta é cando todos os equipos empezan a sufrir baixas e sancións, polo que nós deberíamos notar eses 22 xogadores dos que dispoñemos», abundou o co adestrador.

O vindeiro domingo o Estradense recibe en A Baiuca ao Celanova; o partido pode supoñer para os «rojillos» cumprir o primeiro reto marcado, «chegar a Nadal con 31 puntos», dixo Pencho. O preparador engadiu que o equipo ten que superar canto antes o «hándicap» de contar con igual número de vitorias (7) ca de empates, aínda que é consciente de que na actual Liga en Preferente os empates están a «valer». Como paso previo ao Celanova, o Estradense visita ao Deiro o xoves na Copa.