«O obxectivo é meterme na final dos 200 costas do español»

DEZA

O nadador de categoría absoluta suma a súa sexta tempada nas filas do Pabellón Orense. Dende setembro está a preparar os torneos estatais e galegos

12 nov 2008 . Actualizado a las 02:00 h.

A natación é parte intrínseca da vida do lalinense Alberto Taboada (Lalín, 1987) dende ben pequeno. Dende hai seis anos forma parte do Pabellón Orense, club co que compite e co que ten acadado numerosos éxitos.

-Esta tempada xa arrancou para vostede hai un par de meses.

-Comezamos a adestrar a principios do mes de setembro e xa acudín a varias competicións.

-¿E que tal de resultados?

-Polo momento bastante ben. Acudín ao Campionato Galego de Longa distancia e rematei terceiro, que é un resultado bastante bo, porque non é a miña especialidade.

-O seu forte está nas costas.

-Si, traballo tamén varios días á semana en estilos, e vou mellorando, pero céntrome en costas sobre todo.

-A estas alturas da tempada supoño que comezará vostede o traballo máis duro, porque as grandes citas deportivas están xa á volta da esquina.

-Si, ata o momento estiven adestrando sobre todo en traballo aeróbico, pero agora xa teño que empezar a centrarme na parte máis específica, porque os campionatos xa se aproximan.

-¿Onde ten posto o ollo esta tempada?

-O meu obxectivo é conseguir entrar na final dos 200 costas do Campeonato de España, que se celebrará a finais do mes de decembro. Despois, tentarei tamén asinar algún récord galego, aínda que pode que sexa complicado. Tanto os españois como os galegos son as probas que estou preparando agora.

-¿A natación galega é cada vez máis competitiva?

-Si, todo está moi disputado. Penso que na proba do Galego na que máis opcións teño para algún récord é nos 100 costas, nos que xa tiña o mellor crono no ano 2007.

-¿E como se atopa?, ¿vese en disposición de lograr esas metas?

-A verdade é que estou moi motivado. A tempada pasada foi un pouco frouxa a nivel de Campeonatos de España, e mellor en Galicia, pero esta tempada teño moitas ganas. Ademais, desde este ano estou adestrando a benxamíns no club e gústame moito. Teño 35 nenos, e o de ensinar é outro xeito de aplicar o que sei.

-Leva xa seis tempadas no Pabellón Orense. ¿Os seus plans de futuro pasan pola cidade das Burgas?

-Aquí xa levo seis anos, os tres últimos en categoría absoluta, e a verdade é que estou moi contento aquí e teño pensado continuar.

-Aínda que o obxectivo está nas grandes competicións do mes de decembro, ¿hai algunhas probas á vista?

-Esta fin de semana comezamos co Pabellón Orense a Liga de Clubs, e interésanos gañar a nivel de equipo. Ademais, tamén axudará para coller máis forma de cara ao campionatos de decembro.