Granito: cor e festa de Laxeiro

Amelia Ferreiroa

DEZA

No Museo de Belas Artes coruñés represéntase un espectáculo sobre a obra de Laxeiro na que actúa Vilariño

09 nov 2008 . Actualizado a las 02:00 h.

Coincidindo co centenario do nacemento do artista lalinense José Otero Abeledo, Laxeiro, a compañía Elefante Elegante creou un espectáculo interdisciplinar onde o espectador está convidado a acompañar aos actores, bailaríns, músicos e marionetistas na súa interacción polos diferentes espazos do Museo de Belas Artes de A Coruña. Unha creación, Granito , que é o resultado dun traballo experimental de catro semanas sobre a obra do pintor de Lalín e da que se farán tres pases. O primeiro tivo lugar onte, ás sete da tarde, e restan outros dous que se levarán a cabo os días 14 e 15 de novembro á mesma hora.

Baixo á dirección de Gonçalo Guerreiro, cinco bailaríns e actores entre os que está o lalinense Inacio Vilariño -ademais de David Loira, Iván Marcos, María Torres e Mónica Varela-, e tres músicos: Alex Fente, Dani Meléndrez e Serxio Núñez procuran deixar no público unha impresión sensorial que os acheguen ao universo de Laxeiro. «É un espectáculo no que os actores, músicos e público se incorpora ao espazo, neste caso ao do Museo de Belas Artes. Circulamos polas salas e pola propia arquitectura do museo», explica Inacio Vilariño a quen lle gustaría que Granito tamén chegara á comarca. «Laxeiro naceu en Lalín, estamos a celebrar o centenario do seu nacemento e penso que se podería representar este espectáculo na sía vila. Espazos axeitados para facelo hai. Dende o Museo Municipal ata o Auditorio son espazos que se prestan para a representación deste traballo experimental pensando nos seus pasillos e cuartos». Granito recrea partes moi concretas da obra do artista de Lalín. «O personaxe de O Naranxo, a idea da romería, do Trasmundo, da cor, o xesto, o mundo fantástico e o erotismo... Todo iso está na obra de Laxeiro e neste espectáculo».

E, detrás queda un mes de intensas xornadas de traballo e de ensaios, antes de que onte pola tarde se ofrecese o primeiro pase deste epectáculo na Coruña e que voltará a poder apreciarse a vindeira semán por parte de cincoenta persoas -que é o aforo máximo permitido para esta actividade-. Un espectáculo amable e para todos os públicos. «Non é un traballo experimental hermético, para nada». Os que desexen participar e interactuar en Granito están aínda a tempo. Só teñen que reservar previamente as entradas no teléfono 647 974 272. «A entrada é de balde pero o feito de que haxa que chamar para facer a reserva é para que non se supere o aforo estipulado».