«A virtude do Lalín radica no compromiso que temos co club»

DEZA

O futbolista confía na evolución dos resultados e reivindica o carácter defensivo do xogo roxinegro como garante de éxito

05 nov 2008 . Actualizado a las 02:00 h.

Nas últimas semanas, as baixas e tarxetas obrigaron ao C.D. Lalín a adaptarse ás circunstancias e medio improvisar algúns postos. O éxito nos resultados, veu, segundo José Manuel Alonso Acevedo, grazas á «polivalencia» de parte da plantilla dezana. Un dos xogadores que se adapta ás circunstancias é Ángel Cao (Merza, 1981), que xa sabe o que é xogar de punta durante esta tempada.

-Tal e como anda a enfermería, esta Liga polo de agora parece que obriga ao Lalín a facer encaixe de bolillos.

-Somos unha plantilla de 20 xogadores, temos a varios tocados, así que o normal é adaptarse. Un xogador está claro que o que quere é xogar, dáche igual se é no medio campo, arriba ou atrás. Adáptaste e falo o mellor que podes, deixalo todo sobre o campo.

-¿Como se está atopando esta tempada?

-Ben; penso que estou mellorando e que vou a máis, tanto o equipo coma min. Ao principio da tempada, por exemplo notábase como pasabamos un bache despois de volver dos descansos, e agora xa non é así. Tanto individualmente como a nivel colectivo penso que imos a máis, e esperemos seguir nesta liña.

-O arranque desta tempada non foi precisamente sinxelo.

-Si, así é. A verdade é que ao principio foinos dura a Liga, porque viñamos dunha pretempada importante e a Copa Federación, aínda que non sexa escusa, pasounos factura. Sen embargo, agora xa estamos na dinámica que queremos. Estamos ben, e xa estamos a facer o noso xogo.

-¿Como se ve ao Lalín deste momento dende o vestiario?

-Estamos a despregar xa o tipo de fútbol que nos gusta, o fútbol que soe caracterizar ao Lalín. Para nós o primeiro é defender, e semella que xa estamos na liña correcta.

-Respecto á falla de gol que se lle achaca ao equipo, que opina?

-Ás veces para gañar é suficiente un só gol, polo que o fundamental é non encaixar. Se ti non reciben ningún tanto, sabes que vas a lograr algún punto, polo que de momento para nós o máis importante é defender.

-De todos xeitos, ¿poderíase considerar ese aspecto, como o punto feble do Lalín?

-Agora mesmo si, pero botando un ollo aos partidos, compróbase que nos que perdemos tivemos ocasións para, cando menos, empatar, e incluso gañar. Nós sabiamos que os seis que lle meteramos ao Narón na Copa Federación non era normal, pero somos conscientes que a clave do Lalín está en que non nos marquen.

-Xa comentou cal pode ser a maior febleza do Lalín, pero ¿onde radica a súa maior virtude?

-No sacrificio. A virtude do Lalín é o compromiso que todos temos co club. Todo o mundo sabe que somos un equipo difícil de gañar; está claro que para vencernos, os rivais teñen que correr e traballar, porque nós deixámonos a pel no campo. O Lalín conta con xogadores con experiencia, outros, como di Acevedo, teñen talento, e sobre todo, todos temos compromiso. Iso fai un equipo compensado.

-As comparacións soen ser odiosas, pero se se da un repaso ao arranque da Liga pasada, esta é ben diferente.

-É moi complicado repetir unha tempada como a pasada. Todos sabemos que a Liga pasada o equipo foi medrando pouco a pouco; en decembro pensabamos que os resultados non podían seguir así, en marzo empezamos a crernos que podiamos acabar arriba, e ao final, acabamos xogando a fase. Oxalá se repita a historia, pero polo momento, xa perdemos tres partidos, un máis ca en toda a Liga pasada. O ano pasado deuse o caso de que moitos xogadores estiveron rendendo ao máximo durante meses, que é algo realmente complicado.

-Pero, de momento non renunciaron a nada, supoño.

-Non, dende logo. O meu soño sempre foi disputar unha fase de ascenso co Lalín, e agora que o logrei, o soño pasa a ser o ascenso, pero iso son palabras maiores.

-¿Atrévese a facer algún vaticinio respecto da táboa?

-É moi cedo, pero dende logo confío en que seguindo a liña actual, estaremos da metade da táboa para arriba.

-¿Considera esta Liga máis competitiva que a pasada?

-Si e non. Hai equipos que penso que non están nin ao 50% do que deberían en base á plantilla que teñen, outros están dando moito máis...