O Natación Lalín sae a flote

DEZA

O club dezano, logo de estar a piques da desaparición, enfía a tempada cunha trintena de nenos e nenas aos que formar e converter en futuros nadadores

16 oct 2008 . Actualizado a las 02:00 h.

Despois de atoparse ao borde da desaparición o pasado mes de xuño por falta de directivos, o Club Natación Lalín está a escribir unha nova etapa. A xunta xestora que se fixo cargo da entidade dezana en xullo está a traballar para reflotar un club que viviu momentos de ouro con deportistas competindo a nivel estatal. Nestes meses de traballo, a xunta xestora que integran Mari Sol Batán, Concha Fernández, Feliciano Bermúdez e Carlos Oro, comprobou como gañaba a súa primeira batalla ao incrementar notablmente o número de nenos que forman parte do club. Según apuntou Carlos Oro, o Natación Lalín conta na actualidade con arredor de 30 nenos distribuidos na escola e nas categorías benxamín, alevín e promesas; case o dobre dos 16 cos que botou a andar a entidade lalinense ao inicio da tempada, hai aproximadamente un mes.

A tarefa de reflotar ao Club Natación Lalín non está sendo sinxela, pero a xunta xestora non perde o alento. Carlos Oro ten moi claro o obxectivo co que os catro directivos tomaron as rendas do club: «formar canteira». «Como quedamos case sen nenos, o obxectivo é formar unha boa canteira que permita sacar adiante bos nadadores», explicou Oro. E é que a limitación de nenos, nalgúns casos con só dous ou tres por categoría, imposibilitaban a creación de equipos cos que competir, un déficit que a xunta xestora do club quere subsanar con algo de tempo.

Acordo co Natación Riveira

Para garantizar a competitividade e a evolución dos máis veteranos no club, o Natación Lalín chegou a un acordo co club de Natación Riveira para efectuar o que se pode considerar como unha cesión de nadadores. Alba Rubial, Ginés Mosteiro, Eva Nercellas, Laura Nercellas, Ana Carballude, Belén Fuentes e Iris González seguirán formando parte do Natación Lalín esta tempada, e adestrando na capital dezana, pero competirán baixo o amparo do Natación Riveira, no que xa se atopaba dende o ano pasado Mónica Trujillo. Carlos Oro explicou que o que se pretende deste xeito é garantir que os nadadores lalinenses militen nun club con numerosa base e asentado a nivel autonómico e co que poidan incrementar a súa competitividade.

Ao igual que a tempada pasada, o adestramento dos nadadores lalinenses, incluídos os que compiten co Natación Riveira, correrá a cargo de Iván González Datorre, que contará coa supervisión do técnico do Natación Riveira á hora de preparar aos máis veteranos. O club está a punto, e agora xa só resta ver a evolución.