As festas de Lalín contarán este ano coa actuación estelar de Dover, catro festivais para os nenos, bandas e orquestras
05 sep 2008 . Actualizado a las 02:00 h.A comisión de festas patronais Virxe de As Dores de Lalín fixo este ano un esforzo importante para que os nenos poidan contar con moitas actividades ao longo dos festexos, que comezarán o vindeiro día 19. Haberá catro festivais: O Xou dos Paiasos, Circo Alegro, Ghazafelhos e Viravolta que se celebrarán o sábado, domingo, luns e martes das festas -respectivamente-na Praza da Torre a partires das 18 horas.
Pero antes de todo iso será o lanzamento do chupinazo -que realizará o alcalde- o que abra as festas o venres ás 21 horas, para seguidamente dar paso a unha actuación do grupo de percusión Perqart e verbena -na Praza da Igrexa- a cargo da orquestra Casablanca e a Banda de Nash. O sábado será unha xornada eminentemente musical con pasarrúas das charanga Los Bercianos de León e Lenda Mandeu e os gaiteiros de Doade. A Banda de Música de Merza ofrecerá un concerto ás doce do mediodía e a de Ourense se encargará do das 21 horas, que será na Praza da Vila. Pola noite actuará o Combo Dominicano no Campo da Feira Vello e a orquestra Hevel & Rayel estará na Praza da Igrexa.
A banda de gaitas Os Dezas de Moneixas, o grupo A Carballeira de Cercio e a Banda de Música de Lalín percorrerán as rúas lalinenses o domingo ofrecendo pasarrúas. A coral polifónica de San Xoan de Carbia será encargada este ano de cantar a misa solemne do domingo, na que non faltará a tradicional Ofrenda á Virxe das Dores que fará o alcalde José Crespo. De seguido haberá procesión e, para as 13.30 horas, se prevé o primeiro concerto da Banda de Lalín na Praza da Vila. O segundo será ás 21 horas, pero con anterioridade actuará a Banda Xuvenil de Lalín na mesma praza ao fío das sete da tarde. Pola noite, verbena con Galilea (Campo da Feira Vello) e Salsa Rosa (Praza da Igrexa) sen esquencerse do espectáculo de fogo fixo e voador, a cargo de Pirotecnia Penide na zona da rolda leste, que esperta sempre moito interese. Será o luns cando esté o grupo Dover na capital dezá em concerto, no Campo da Feira Vello. Trátase da única actuación estelar prevista para estas festas e nun día no que tamén haberá concerto da Nova Banda de Vilatuxe ás 12 na Praza da Vila e actuación de Costa Oeste, pola noite na Praza da Igrexa.
Dúas orquestras de prestixio dentro do panorama musical galego como son Sintonía de Vigo (Campo da Feira Vello) e Panorama (Praza da Igrexa) encargaranse das verbenas do martes, último día dos festexos patronais, no que tamén a Banda de Música de Muimenta ten previsto ofrecer sendos concertos ás 12 e ás 21 horas na Praza da Vila. A música polas rúas da vila chegarán nesa derradeira xornada festeira da man do grupo local Ailola e do grupo de gaiteiros Os Xuncos de Santiso.