Anatomía da melancolía

La Voz

DEZA

Circulan apostas no meu entorno sobre a existencia da melancolía. Sobre a súa inevitabilidade. Sobre a súa procedencia como argumento literario ou impulso vital. Circulan apostas porque a melancolía non é científica, non é aconsellable, non é razoable. A melancolía é o que queda das sensacións da especie que fomos. O que imos deixando no camiño na búsqueda das certezas. A melancolía é unha concesión que facemos á autocomplacencia. Un luxo que a xente practica con demasiada soltura.

Se houbese que poñer imaxes á melancolía non sei se eses mapas de Jorge Macchi nos que desaparece o lugar que ocupan os edificios sería a máis axeitada desde o punto de vista gráfico, pero si que explica esa sensación de baleiro que parecen sentir os melancólicos atrapados no bucle de existir coas súas circunstancias.

En certo xeito, o artista arxentino fai máis unha cartografía que unha anatomía da melancolía. Un mapeado de espazos baleiros, de lugares onde deberían estar cousas que non están ou que están pero non cumpren coa función que un espera delas.

Son as cidades nas que non hai lugares aos que ir ou pentagramas co código perdido. Imaxes que non respectan a narratividade e azares que só entenden o equilibrio como unha intuición.

Na exposición de Macchi queda sintetizado ese curioso bucle da modernidade e a melancolía. As dificultades para explicala. Tentar utilizar criterios racionais para entendela e encontrar en cada caso que non hai maneira de que se someta a eles. Macchi coloca sistemas racionais: os mapas ou os pentagramas, sobre os que operan circunstancias non cuantificables. Así máis ou menos opera a melancolía sobre os individuos dunha especie que se ten por racional. A melancolía é o punto de fuga da construción intelectual o que devolve ás circunstancias á febleza do azar. Hai quen suxire, no medio das apostas, que iso é exactamente o que nos fai máis humanos.

A exposición de Jorge Macchi no CGAC non é melancólica. É unha aproximación paciente e delicada a un argumento demasiado literaturizado e quizais por iso a mostra pareza moito máis escrita que pintada, removendo os argumentos como teorías desenvolvidas con imprecisión filosófica. Como hai apostas sobre a inexorabilidade da melancolía a conclusión da mostra podería ser melancólica: non hai maneira de encontrarlle un motivo razoable. Sucede como sucede a vida. E a renuncia ante esta imposibilidade quizais sexa a máis melancólica das actitudes. Tamén é posible que a melancolía teña razóns que a razón non entende. E con esta coartada unha parte de humanidade con posibilidade de arranxar o mundo siga concedéndose coartadas para non facelo.