Nonito alzouse co título da primeira subida a Rodeiro

La Voz

DEZA

03 jun 2008 . Actualizado a las 02:00 h.

A primeira edición da Subida a Rodeiro, puntuable para o Trofeo de Montaña do campionato galego, rematou con José Antonio Gómez, Nonito, como gañador da proba. O piloto da escudería Outeda Racing, que competiu cun Fórmula Montiño, asinou a mellor media ponderada das catro mangas oficiais, e rematou ademais como vencedor na clasificación de vehículos non carrozados.

Por detrás de Nonito rematou Ricardo Silva, de Koscorron Competición, ao volante dun BRC 05 EVO. O terceiro clasificado na xeral foi Toño Varela, de Outeda Racing, que competiu cun Fórmula Outeda. Silva e Varela ocuparon tamén o segundo e terceiro posto da clasificación de vehículos non carrozados. Na táboa de carrozados Alberto Vidal, da escudería Barbadás, finalizou co mellor tempo aos mandos dun Renault Megane. O segundo mellor tempo foi o de Juan José Rivero, de Racing Sport, cun Renault 5 GT Turbo. Terceiro foi Juan José Covelo, de Costa Competición, con un Peugeot 101 S16. Na copa de damas, Fátima Ameneiro, de Scratch Fene, foi primeira cun Honda Civic, e Maite Vilanova, de Miño Lugo, foi segunda aos mandos dun Opel Corsa. Na clasificación de históricos Miguel Campos, cun Seat 131, rematou sen problemas a proba.

Futuras edicións

Dende a organización, a cargo da Escudería Lalín-Deza, destacaron que os pilotos coincidiran en que o trazado, deseñado na estrada que une Rodeiro e Oseira, era moi rápido, chegando a media do vencedor da última manga aos 120 quilómetros por hora.

Respecto de futuras probas, dende a Escudería Lalín-Deza manifestaron a súa intención de dar continuidade á cita de Rodeiro, se ben buscando unha data máis axeitada, posto que a coincidencia da xornada do sábado co Nacional mermou de xeito considerable a presenza de seareiros do motor en Rodeiro.