Quedan dous partidos para que o plantel de Nacional de A Estrada remate a Liga, e tan só dúas vitorias afástan ao conxunto de revalidar o título
03 may 2008 . Actualizado a las 02:00 h.Restan só dous encontros por disputar para que conclúa a Liga en Primeira Nacional A de fútbol sá, e as xornadas non dan pasado para os seareiros do Reale Seguros, que ansían xa que remate a campaña, e a poder ser, co título de Liga no peto. Un dos artífices do inesperado éxito ligueiro do Reale é Fran García, man dereita de Rodrigo Feijoo no banquillo.
-Esta tempada prometía ser máis tranquila para vostede, pero ao final tivo que estar sete encontros ó mando dende o banquillo.
-Si, a sanción desproporcionada de seis partidos a Rodrigo e un encontro no que el non puido estar, puxéronme á fronte do equipo. Levouse ben, pero con esa responsabilidade engadida de ser o que está no banquillo. De todos xeitos, os encontros dos sábados estaban coordinados con antelación por Rodrigo, e eu só tiña que plasmar sobre a pista o traballo do equipo durante a semana.
-De calquera xeito, as decisións tocáballe adoptalas a vostede.
-Si, pero tiñamos máis ou menos calculado como podía ir o partido, e tamén ter a Juáncar ao lado da moita tranquilidade. É un xogador que leva moitos anos no equipo e que sabe moi ben como pode responder mellor cada xogador.
-O de estar de titular, para vostede tampouco era novo, ¿non?
-Non. Eu comecei xogando ao fútbol sala aos 21 anos en Santiago. Cando tiña 25 estiven no segundo equipo do Lobelle, e logo xa de adestrador en equipos como o filial do Lobelle e o Ordes. Antes de comezar esta tempada Rodrigo Feijoo chamoume para propoñerme que o axudara no equipo, e aceptei. Chega un momento no que cargar con toda a responsabilidade cansa, e estar como segundo, aínda que segues tendo presión, é diferente.
-Durante a semana, ¿cal vén sendo a súa responsabilidade?
-A miña labor prantexouse como máis enfocada cara a parte física. Eu levo a parte máis «fea» dos adestramentos, a que non ten balón, para que Rodrigo poida traballar máis cos aspectos de pista.
-Xa a nivel de traballo, ¿agardaba os resultados que o equipo está a colleitar?
-Ao principio da tempada a xente estaba un pouco á expectativa do que podía pasar. Podía agardarse que o equipo estivera loitando na zona alta da clasificación, pero non loitar polo título.
-¿A que atribuiría vostede o éxito da tempada?
-Xogouse como un conxunto. O mellor do Reale é que somos máis equipo có resto dos equipos. Penso que o mérito dos resultados se debe a que Rodrigo sabe dirixir á perfección un grupo, tanto se colle un equipo de estrelas como de rapaces novos é capaz de compactalo e lograr un bo balance defensivo e ofensivo. O Reale non ten dependencia só das individualidades, senón que se xoga en equipo, e chegado o momento, a calidade individual tamén suma.
-Quedan só dous partidos por disputar para rematar a Liga. ¿Como vai concluír o Reale o campionato?
-Pois eu agardo e confío en que como campións de Liga. Quédannos dous partidos, e temos que gañalos, porque temos moi claro que o Azkar B non vai perder, así que nós tampouco podemos. Vimos de xogar contra o Lobelle B un partido complicado, no que xogabamos fóra de día, de hora e de sitio, e démolo sacado adiante, así que confío en que os que nos restan, tamén.
-¿Agora xa pesa a tempada?
-As tempadas sempre se fan longas, pero máis cando xa non te xogas nada. Nós estamos loitando polo título, e iso fai que se faga menos longa.
-Logo de case unha tempada completa en A Estrada, ¿que balance fai?
-Moi positivo. Tanto a nivel deportivo como a nivel persoal, porque é unha experiencia diferente. Ademais, a nivel técnico aprendín moito con Rodrigo.