«O obxectivo deste proxecto é unificar poboacións»

Amelia Ferreiroa

DEZA

O lalinense Julio Varela deixa o departamento de Xuventude de Lalín para liderar un novo proxecto

20 abr 2008 . Actualizado a las 02:00 h.

A piques está Julio Varela de deixar a capital dezá. Entre Verín e Chaves estará agora o lalinense xa que se fará cargo do gabinete técnico de ambos concellos, onde se pón en marcha un proxecto europeo de Eurocidade.

-En que consiste exactamente este proxecto, que creo que é ademais novidoso?

-É un proxecto que se xestiona con dous concellos. Neste caso os de Verín e Chaves, en Portugal. O obxectivo deste proxecto é unificar poboacións que están preto, pero que ao mesmo tempo están separados por unha fronteira. A día de hoxe precísanse máis contactos dende distintos ámbitos. É certo que se trata dun proxecto novidoso e innovador. Que eu saiba creo que só existen seis proxectos destas características funcionando en Europa. En España hai agora mesmo dous: un preto da fronteira francesa e outro tamén preto da fronteira de Portugal.

-Físicamente onde estará ubicado o gabinete técnico, nunha única sede ou en dúas?

-De momento se dispón dunha sede na vila ourensán de Verín, no concello, e outra sede está na Cidade do Transporte de Chaves. A idea é posteriormente unificar todo nunha soa sede, a metade de distancia entre unha vila e a outra.

-Con canto persoal contará no gabinete técnico?

-O proxecto europeo só inclúe, de momento, a unha única persoa pero agárdase neste mesmo ano poder incrementar o número e contar xa con persoal específico para administración e para comunicación. Un equipo compacto que coordine as distintas áreas de actuación.

-Cando vai tomar posesión do cargo?

-Pois dentro de pouco, mañán mesmo me incorporarei ao noso posto de traballo.

-Marcha con certa morriña despois de anos en Xuventude, nos campamentos, cos rapaces...

-Dende o ano 2000 estou traballando en proxectos europeos polo que estaba moi metido en estes temas, que é sobre o que vou incidir agora. É certo que tamén levo anos vencellado aos campamentos urbáns e no mar pero -sempre que mo permitan- intentarei seguir colaborando no que poida. Por outra banda, continuarei vencellado á Asociación Cirla e axiña presentaremos novas convocatorias. Que non vai desaparecer a miña relación con Lalín, para nada.

-As primeiras accións en Chaves e Verín, ¿cales serán?

-Elaborar unha guía turística que unifique o mellor dos dous concellos, facer a imaxe corporativa e pór en funcionamento a plataforma tecnolóxixa e implantar a eurotarxeta...