As «mates» aínda están co BM Lalín

DEZA

Tralo pinchazo do Guadalajara no fortín do Boadilla, o Portadeza, numéricamente, depende de si mesmo para acadar a fase. É difícil, pero non imposible

20 feb 2008 . Actualizado a las 02:00 h.

É difícil, moi difícil, pero non imposible. Con 19 xornadas de Liga ás costas, e con sete partidos aínda por disputar, o primeiro equipo do Balonmán Portadeza Lalín volve ter opcións matemáticas de ocupar un dos dous postos reservados para xogar a fase de ascenso a División de Honra B.

O pasado domingo o Reálitas Guadalajara, segundo na táboa, visitou a cancha do líder, e o Boadilla non se deixou levar. A pesar de que os madrileños xa semellan ter a Liga no peto, non baixaron a garda e venceron por 31-29 a un Reálitas que perdeu o colchón que tiña cos seus perseguidores. Os alcarreños contan agora con 27 puntos, un máis có Portadeza Lalín, dous máis có Novás, e cinco máis có Chapela, que perdeu 33-32 na casa do Porriño.

Así a táboa, matematicamente o Portadeza aínda ten opcións para acadar a segunda praza e meterse na fase, posto que os de Budi teñen pendente o partido de volta ante o Guadalajara, que será no pavillón alcarreño na antepenúltima xornada do campionato.

En contra das opcións do Portadeza corre nembargantes un calendario pouco favorecedor. Dos sete encontros que lles restan por xogar aos de Budi, catro serán lonxe do Municipal de Lalín. O rival desta semana será o Arroyo, que loita por saír da zona baixa da táboa; seguirao o Universidade de León, oitavo e en terra de ninguén. Na xornada 22 o Lalín visitará ao Salamanca, que loita por escapar da zona de perigo, mentres que na xornada 23 o Portadeza recibe ao Chapela. A derrota en Porriño afastou aos de Fran Teixeira da loita máis inmediata polos postos de privilexio, pero aínda non hai nada decidido. Tralo Chapela, e logo das vacacións de Semana Santa, chegará o partido en Guadalajara. Budi considera que o fundamental para o Lalín é chegar á casa do Reálitas con opcións. Un Bueu que pecha a táboa e o Cisne serán os últimos rivais do Lalín.

A visión de Budi

Sen pechar para nada a porta á fase de ascenso, Budi recoñece que a dificultade de acadar a segunda praza é notable. «O Boadilla xa case ten todo feito, e queda unha praza que hoxe por hoxe ten máis doada o Guadalajara, por equipo, e por club», considera o técnico. Budi sabe que matematicamente o Lalín ten posibilidades, «o bo sería que nós chegásemos alí con opcións». O adestrador do Portadeza opina que os sete encontros que quedan por xogar aínda poden deparar sorpresas, «porque é moi complicado que os equipos non pinchen algún partido», polo que «despois do que nos pasou, nós temos que ir partido a partido, e punto, porque ademais, aínda non estamos a xogar ben», recoñece Budi.

O técnico do primeiro equipo do BM Lalín agarda que «os deslices que temos que ter, xa os tiveramos todos, e que agora tiremos para adiante. O Guadalajara seguramente xa perdeu o partido que tiña que perder». Se ben lembra que «temos varios encontros fóra, e precisamente a Guadalajara imos xusto despois de Semana Santa, co cal non sabemos se o descanso nos sentará ben ou mal, pero, tanto a nós coma a eles». Para Budi o Guadalajara é «o mellor equipo da categoría» por diante do líder Boadilla.

Carlos, baixa case segura

En canto á vindeira visita do Arroyo, o Portadeza é moi posible que non poida dispor de Carlos Aller, que continúa coa lesión do dedo. Camilo voltou o luns aos adestramentos, e está a recuperar a forma para tentar estar listo para o sábado.