Paco Penas é de Dorvisou (Cruces) e vive dende fai 14 anos en Tenerife traballando no sector da hostelería. A fotografía é unha das súas paixóns e ata o día 15 imaxes súas expóñense no Auditorio Xosé Casal. Son fotos de distintas épocas tanto de Galicia como de Canarias. Explica que a zona que máis lle gusta fotografiar de Cruces, de onde sigue as novas diariamente, é a súa aldea, co seu encanto.
-¿Cómo se combina a hostelería e a fotografía?
-Empecei estudiando hostelería e os meus primeiros escarceos coa fotografía foron en A Coruña no ano 1985. A pintura foi a primeira debilidade pero ante o descoñecemento e a impotencia, decanteime pola fotografía.
-¿Qué é o que máis lle gusta desta afición?
-Para min a fotografía é un nexo coa terra tanto con Galicia como con Canarias. Ensinoume a ollar doutro xeito as cousas e sírveme de terapia, axúdame moito a liberar adrenalina.
-Tamén ten un blog...
-O meu blog http//:dorvisou.blogia.com é coma un vínculo coa terra. Naceu co nome de arroutadas fai xa catro anos, cando non chegábamos a un cento os blogs galegos fronte aso máis de 3.000 de hoxe. Daquela contaba cunha pobre web, e deseguida percibín que os blog, me ofrecían un maior abanico de posibilidades.
-¿Qué fotografía lle gustaría facer de Cruces?
-Gustaríame fotografiar unha vila chea de vida, de armonía, de esperanza e futuro.