«O rugbi é un gran descoñecido. Non é un deporte de brutos»

Lorena G. C.

DEZA

A paixón polo deporte levou a Álex Pérez, «Shuster», a entrar no mundillo do rugbi Lalín hai catro anos. Logo dunha tempada en xuvenís, pasou ao equipo sénior, no que milita.

-Como se adentra un no mundillo do rugbi?

-A mín sempre me gustou moito o deporte, e practícoo dende neno. Hai catro anos quería facer algo máis, e pensei que o rugbi era unha boa opción.

-Que ten o rugbi que non teñan outros deportes?

-O rugbi é un gran descoñecido. A xente pensa a miúdo que é un deporte para brutos, pero non é así para nada. É un deporte cun regulamento moito máis avanzado ca outras disciplinas, e contrariamente ao que pensan moitos, non é un deporte de «animais». De feito, aínda non coñezo a ninguén que se sufrira unha lesión seria xogando ao rugbi.

-Que lle diría á xente para achegalo ao rugbi?

-Diríalle que vaian ver un partido e sobre todo que proben. Se a xente, sobre todo os nenos, probaran a xogar comprobarían que non é un deporte extremo. Noutros países o rugbi é un deporte moi coñecido e seguido, pero aquí tamén é complicado porque por exemplo tí acendes o televisor e podes ver fútbol catro días á semana, algo que non pasa co rugbi.

-Que é o mellor de xogar ao rugbi?

-Para mín o bo ambiente coa xente. Cando rematan os partidos xuntámonos os dous equipos e o que pasa no campo, queda no campo. Todos nós xogamos porque nos gusta, porque está claro que non nos dá de comer.