«Sabe mal que te insulten, estamos para axudar»

Amelia Ferreiroa

DEZA

O programa de educación vial está espertando grande interese nos alumnos de Primaria do municipio

23 oct 2007 . Actualizado a las 02:00 h.

Moi satisfeito se atopa o axente da policía local Tito Fuentes Camba coa celebración das charlas de educación vial, e a resposta dos rapaces dos centros educativos do municipio de Lalín.

-Daríalles a todos eles un sobresaínte. Son coñecedores das normas de tráfico, e non deixan de facer preguntas sobre cuestións que lles preocupan, aínda que o primeiro que facemos é visualizar unhas películas de animación nas que se explica que é un axente, a que se adica... Tamén se lles fala da señalización con proxeccións basadas no casco urbán de Lalín.

-Que tipo de inquedanzas teñen os cativos?

-Depende moito das idades dos rapaces. Non é o mesmo unha clase de 1º, 2º ou 4º. Os máis pequenos falan das súas propias experiencias. O outro día, un cativo me preguntou que debía facer cando o seu pai despois de beber lle pide que suba ao coche. O meu deber é explicarlles ao risco que conleva o non cumprir as normas, e o entenden perfectamente. Aproveitamos para reflexionar, para pór exemplos, caso do balón que sae á rúa. A pelota pode quedar destrozada e ao cativo xa lle mercarán os seus pais outra pero, se o atropelado é o neno? Podemos mercar outra cabeza ou outra perna, lles pregunto...

-Unhas charlas que habería que levar tamén a Secundaria?

-No proxecto que presentei no Concello así o poño de manifesto. Primeiro a intención é achegar a información aos cursos de Primaria e logo a Secundaria, Ciclos Formativos... para que non nos vexan como axentes represivos. Sabe moi mal que te insulten cando estamos para axudar.

-Por que os ven como represivos?

-Dende o núcleo familiar se lle inculca ao rapaz aquelo de que: ven o policía, ante unha determinada mal acción, ou porque a grúa lle levou o coche ao seu pai e a culpa foi da Policía Local. Pasamos a ser malos e non é doado logo cambiar a opinión que se fixeron de nós.

-Unha actitude máis propia da fin de semana...

-Lalín non é unha vila das máis complicadas, pero na fin de semana non deixa de pitar o teléfono da policía local. Nos días de semana chaman unha vez ao día, dúas... Os insultos aos axentes en fins de semana son máis habituais.

-O botellón é, sen dúbida, unha das cuestións que está en boca da cidadanía. En Lalín, cal é a situación?

-Hai botellón. Nas Prazas da Igrexa e Europa son dúas zonas onde se concentran os mozos ao igual ca no parque do Rodo. Antes tamén se facía botellón na zona do Auditorio Municipal, pero agora está máis vixiada a zona e xa non se fai. É unha pena ver a rapaces moi novos, que con só trece ou catorce anos están bebendo, e ao estaren en pandilla se fan os fortes e valentes. Somos pais e creo que temos que ver o que pasa na rúa. Insisto en que non estamos nun pobo moi problemático, pero sempre xurde algo.

-Erradicar o botellón?

-Non é fácil erradicar unha práctica, que para os chavales é normal. É unha cuestión que lle compite a toda a sociedade.