Dous lalinenses están neste colectivo, que nace para erradicar a violencia e convoca un acto reivindicativo
28 sep 2007 . Actualizado a las 02:00 h.Non son antiheroes nin están resintidos coa súa propia masculinidade. Só queren unir esforzos, reflexionar e traballar arreo na liña correcta para erradicar a violencia de xénero. É o obxectivo de Homes Galegos pola Igualdade, un colectivo que acaba de presentarse en Santiago, e que está integrado por seis homes -dous deles da capital dezá-. Celso Taboada e Julio Varela levan tempo traballando en proxectos de igualdade e forman parte deste colectivo. «Estabamos participando en foros, nos fomos coñecendo todos e comezamos a falar da situación na que nos atopabamos os homes. Reflexionamos sobre unha masculinidade máis igualitaria que pode ser mellor, menos lesiva contra a sociedade e de aí, dun grupo de homes galegos, nace o colectivo», explica Celso Taboada.
Do interese que xa está suscitando o colectivo na sociedade dá conta o feito de que, despois da presentación oficial da asociación, sete persoas xa se involucraron na mesma. «Estamos convencidos que segundo paseo o tempo haberá máis persoas traballando nesta causa que é común: erradicar a violencia. Para iso temos que analizar e modular as nosas propias condutas». Homes Galegos pola Igualdade tén previsto celebrar foros de debate en varias localidades galegas, entre as que está Lalín, ademáis de pór a disposición dos internautas unha páxina web en cuxa elaboración están a traballar agora.
O colectivo xa convocou a súa primeira actuación a nivel galego: unha manifestación para o día 21 de outubro en Santiago, ás doce do mediodía, «aberta a toda a sociedade, pero na que na primeira liña estarán homes reivindicando que se erradique a violencia de xénero. Convocamos a políticos, educadores, membros das forzas de seguridade... Todos os que formamos a sociedade para darlle exemplo a futuros maltratadores». Manifestacións que se realizarán de xeito simultáneo en Sevilla, Málaga, León...
Homes Galegos pola Igualdade saben que lles resta un longo camiño por percorrer ate chegar á meta que se propuxeron. «Sempre nos ensinaron un enfoque masculino violento. Nos inculcaron os valores de sermos máis rápidos, que os nenos non choran -os homes, menos-, que os golpes na espalda son sinónimos de masculinidade. Todo iso é incómodo, pero salientar tamén que non somos persoas resintidas coa nosa masculinidade e tampouco somos antiheroes. Loitamos pola igualdade».