Budi confirma a súa aposta polas rotacións continuas esta tempada

DEZA

Os primeiros partidos de preparación do Portadeza Lalín deixaron unha prometedora imaxe do equipo, prolongada o pasado sábado na eliminatoria copeira fronte ao Chapela. Ao igual cá nos amigables precedentes ante o O.A.R. e o Octavio, o compromiso co cadro redondelán servíu para descubrir sobre a cancha a que será a gran aposta táctica de José Luis Pedreira para a vindeira tempada: a rotación continua dos xogadores tralos primeiros 10 minutos de partido.

A media Liga que pasou á fronte do Portadeza a pasada tempada foi ante todo para Budi unha primeira toma de contacto, tanto coa dirección do equipo como coas esixencias e condicionantes que establece unha categoría como a Primeira Nacional para o traballo dun adestrador nun club con altas aspiracións. Visto o rendemento do cadro roxinegro co paso dos meses, e consciente da notable merma de efectivos sufrida este verán no seu plantel, o técnico roxinegro confirmou onte que «a miña idea este ano é darlle minutos a toda a xente. Imos tentar darlle un ritmo alto a tódolos partidos, e para iso precisamos dos 14 xogadores. Se queremos chegar ben a final da tempada, teremos que xogar como o sábado, con rotacións continuas».

Budi vai máis aló á hora de argumentar a necesidade de cambiar o chip do equipo. «Se chegamos á fase non podemos ir a ela cun sete tipo e un par de cambios», sostén. O camiño a seguir é pulir a mecánica colectiva do equipo ata conseguir que o rendemento do Portadeza a penas se resinta nos minutos nos que manteña no banquiño a algún dos seus baluartes. Trataríase, en definitiva, de emular a filosofía de xogo daquel Anaitasuna que hai algo máis dun ano exerceu de tirano na fase de ascenso á División de Honra B, gañando con autoridade o título de campión da Primeira Nacional.

Últimos dous partidos

O preparador roxinegro explicou que o emprego de rotacións continuas será a regra xeral que, como tódalas da súa clase, pode ter excepcións en función «do partido en cuestión e do traballo feito polos xogadores durante a semana».

Sobre a súa lectura dos dous últimos partidos do Portadeza Lalín, Budi comentaba onte que «foron dous encontros totalmente diferentes».

Respecto ao amigable co Octavio, o adestrador considera que «fixemos un bo partido, no que non se escatimou nin seriedade nin esforzo». Iso si, fronte a un adversario que «viría cargado» tras xogar o día anterior contra Qatar, e que «se medía a un rival inferior», coa conseguinte merma de motivación para os de Quique Domínguez.

O sábado, ante o Chapela, «os meus xogadores non tiñan a mesma motivación, notouse o cansancio do esforzo da xornada anterior, e había algún enfermo (Rubén, con gripe)». O máis salientable deste partido, ademais do pase de ronda copeira, foi para Budi «ver como a xente nova non se enrrugou».

A concatenación dos compromisos co Octavio e co Chapela é para Pedreira, e salvando as distancias, «unha mostra aproximada do rendemento que podemos ter nunha fase, na que hai que xogar tres partidos en tres días». Unha proba que deixa patente a conveniencia do sistema de rotacións continuas para poder chegar aos momentos decisivos co plantel razonablemente fresco e con opcións de victoria.

Tres de Mayo

Noutra orde de cousas, o Comité de Competición da Real Federación Española de Balonmán (R.F.E.B.) comunicoulle onte oficialmente ao Tres de Mayo a súa invitación para ocupar a vancante deixada na División de Honra B polo Teka Cantabria. Fontes de R.F.E.B. anunciaron que entre onte e hoxe comezarán o proceso de búsqueda dun substituto para o equipo canario no Grupo A da Primeira Nacional, no que milita o Portadeza Lalín. As mesmas fontes apuntaron que a praza se lles ofrecerá aos equipos descendidos a pasada primavera, na seguinte orde: San Quirze (catalán), Urduliz (vasco), Leganés e Maristas de Zaragoza.