O C.D. Lalín pechou a pasada tempada cun défice de 21.900 euros

DEZA

lalín | Hai un ano, o presidente do C.D. Lalín, Amandio De Bessa, anunciaba ante a asemblea de socios da entidade que a tempada 2005/06 concluía para o club cun défice de 3.747 euros. Acto seguido, o mandatario adiantaba unha previsión de 4.000 euros de superávit para a seguinte campaña. Os cálculos de De Bessa e compañía remataron nembargante por torcerse. E moito.

O presidente roxinegro desvelou na noite de onte na asemblea xeral do C.D. Lalín o balance final das finanzas do club na última tempada, a 2006/07. Unha contas (desglosadas nas táboas adxuntas) que se resumen nun défice de 21.893 euros, sete veces máis có rexistrado o ano anterior, e liquidado novamente pola directiva de De Bessa en cumprimento da promesa que este fixera no seu día.

Finiquito de Gelucho

De Bessa explicou que o desfase se substentou sobre unha serie de imprevistos e estimacións erróneas que «de non producirse terían deixado o balance practicamente a 0». O primeiro deles, o embargo de 6.100 euros da subvención da Xunta para o pagamento das nóminas adebedadas polo C.D. Lalín aos xogadores Jorge Martínez e Óscar Enríquez desde o ano 2000.

O erro de cálculo dos ingresos vía socios e publicidade, con 4.515 e 5.000 euros menos do previsto, foron outro dos torpedos sobre a liña de flotación das finanzas roxinegras salientados por De Bessa, que recoñeceu a perda duns 100 socios, quedando a masa social reducida a 345.

A estas cantidades súmanse os 2.800 euros desembolsados a Gelucho en concepto de liquidación e, sobre todo, os 11.000 euros a maiores do presupostado para o pagamento das nóminas dos xogadores. Apartado este que engordou trala chegada de cinco reforzos no mercado de inverno para facer fronte á crise deportiva do equipo de Terceira. En total, os planteis do C.D. Lalín absorveron a pasada tempada 116.016 euros.

Facenda levouse 19.863 euros. Os 10.000 restantes da presente anualidade pagaránse en 10 días, con cargo ao vindeiro orzamento, tras solicitar o club unha prórroga de 2 meses. A intención de De Bessa é renegociar á baixa co Fisco os 30.000 euros que lle debe pagar cada ano ata saldar a débeda, ampliando os prazos. Os 6 socios presentes na asemblea aprobaron as contas.