C.D. Lalín e Silleda miden o seu estado de forma no Outeiriño

DEZA

04 ago 2007 . Actualizado a las 02:00 h.

lalín/a estrada | A pretempada balompédica da zona toma plena forma esta tarde cos partidos amigables que ás 19 horas desputan Silleda e C.D. Lalín, no Outeiriño, e o conxunto xuvenil do club roxinegro e o C.D. Estradense de Manolo Blanco e Pencho, no Manuel Ángel Cortizo.

En terras trasdezás, os homes de José Manuel Alonso Acevedo cobren unha etapa máis no esixente programa de traballo elaborado polo preparador do C.D. Lalín, que ás seis sesións de adestramentos da semana pasada engade nesta outras sete.

O técnico asturiano referíuse onte ao compromiso do equipo no Outeiriño como «un entrenamiento más» no que, iso si, « dosificaré el esfuerzo de los chavales, porque quiero que se puedan entrenar bien el domingo -por mañá-».

Acevedo adiantou que a vindeira semana seguirá sendo un suplicio para os seus xogadores, que deberán resistir oito días máis antes de ver como a carga de traballo físico comeza a baixar. «El equipo está pesado», sinala o adestrador, «pero debemos hacer una pretemporada muy exigente» a fin de asinar un bo inicio de Liga. Agora toca sufrir, «pero después lo agradeceremos», promete o asturiano.

Adrián e Dani Méndez son hoxe as únicas baixas nas filas do C.D. Lalín fronte ao Silleda. O primeiro, por unha forte dor de moas, e o segundo, rematando a recuperación da distensión dun ligamento dun xeonllo que sufrira a semana pasada no primeiro encontro de pretempada do conxunto roxinegro, en Arteixo.

Acevedo si conta para o partido cos outros 18 integrantes do primeiro plantel e cos catro xuvenís que están a facer a pretempada ás súas ordes, Rafa, Quinteiro, Víctor e Jacobo. Vintedous efectivos que dividirá en dous onces no Outeiriño.

Un Silleda reforzado

Ante si, o C.D. Lalín atopará hoxe un rival aínda menos rodado. O Silleda de Luis Bermés chega ao amigable desta tarde tras poñerse o mono de traballo o pasado luns.

O troco de adestrador, trala marcha voluntaria de José Casal, é a única baixa nas filas trasdezás respecto á tempada pasada, conservando o Silleda o potente bloque co que se convertera nun dos equipos revelación da última Liga da Primeira Autonómica. Maceiro, Manolo e o ex lalinense Matías, todos eles procedentes do Cruces, sumáronse ademais ao novo proxecto dun Silleda que o 2 de setembro debutará no campionato regular, na casa contra o Ribeira, coa vista posta no ascenso.

Uzal, na fase final de recuperación da grave lesión que sufrira a pasada campaña, e Javi González, que non se incorporará ao equipo ata o luns, son as baixas do Silleda ante o C.D. Lalín.

A escasos quilómetros do Outeiriño, no campo sintético do Cortizo, o C.D. Estradense desenvolverá a partir das 19 horas «unha esixente sesión de adestramento». Así definíu onte Pencho, un dos dous adestradores do equipo vermellón, o choque amigable co conxunto xuvenil do C.D. Lalín, adestrado por Román Blanco.

Pencho explicou que o obxectivo deste primeiro test de pretempada é «coñecer o grupo co que contamos este ano, comprobar como se desenvolven os xogadores no campo e, sobre todo, como se compenetran cos seus compañeiros». Con tal fin, e ao igual có Lalín de Acevedo, os técnicos do C.D. Estradense dividirán os seus 20 efectivos en dous grupos, un para cada parte do partido.

Do outro lado, o encontro servirálle a Román como exame para os catro rapaces que ten a proba, e que pecharán un plantel de entre 18 e 20 efectivos cos que o C.D. Lalín sairá a competir na Liga Galega Xuvenil a partir do 15 de setembro. Rafa, Quinteiro, Víctor e Jacobo son baixa ante o Estradense, convocados con Acevedo.