CARTA ABERTA | O |
21 jul 2007 . Actualizado a las 07:00 h.NO DÍA de onte cumpriuse un ano da inauguración oficial da nova sede dos Xulgados de Lalín, un edificio construido nun amplio solar cedido polo Concello nunha das zonas de maior desenvolvemento urbanístico do municipio e adxudicado polo daquela conselleiro de Xustiza no Goberno do PP, Xesús Palmou, para paliar as grandes carencias que padecían os funcionarios e usuarios das antigas instalacións na rúa da Ponte. O proxecto, elaborado polo arquitecto José Manuel Pichel, foi elaborado (como a práctica totalidade dos novos edificios que nun futuro próximo poblarán o Lalín do século XXI) para as medras, chegando a sorprender ao entón presidente en funcións do TSXG, Antonio González Nieto, por parecer máis unha audiencia que unha sede de xulgados. O acto de inauguración contou coa presenza do presidente da Xunta de Galicia, Emilio Pérez Touriño, quen destacou o equipamento deste novo edificio coas máis modernas tecnoloxías. Sen embargo, todas estas loubanzas e bos augurios para a nova sede dos xulgados lalinenses viuse ensombrecida pola escasa atención que se prestou ao seu mantemento, esquecéndose de pequenos detalles que provocan mala impresión para os visitantes e incomodidades para os traballadores. Non é de recibo que o señor Touriño se apunte o tanto de inaugurar un edificio que caeu nas súas mans practicamente rematado e logo se esqueza totalmente do mesmo, abándonandoo e deixando que transmita unha mala imaxe que non se merecen nin os lalinenses nin os que traballan no mesmo. É incomprensible que a día de hoxe este novo edificio aínda padeza a falta de sinalización e identificación das salas e despachos, algúns elementos decorativos, un mando a distancia para a utilización do aire acondicionado ou material de oficina para facilitar o traballo dos escasos funcionarios que realizan o seu labor no edificio. En resumo, a situación é comparable a comprar un traxe dun gran deseñador de moda e acompañalo cuns zapatos adquiridos na feira. É certo que aínda quedan pequenos flocos que resolver coa empresa constructora, pero é incomprensible que a Xunta teña unha infraestructura deste tipo nestas condicións, cando podía ser un referente a nivel galego do que podía presumir, tanto a nivel arquitectónico como de prestación de servizos. Espero que estes males menores sexan correxidos, porque o mantenemento para este edificio é sinxelo e considero ao conselleiro da Presidencia e responsable directo do mantenemento deste edificio, o señor Méndez Romeu, unha persoa cabal e coherente para arranxar estes problemas, de xeitos que todos os lalinenses poidamos sentirnos orgullosos en vindeiros aniversarios do noso edificio dos xulgados, no que se mesturen a amplitude coa calidade e comodidade das instalacións.