A Solaina de Piloño establece intercambio con Arte na Leira

Amelia Ferreiroa LALÍN

DEZA

En dous minutos | Ámbalos dous colectivos teñen en común promover o medio rural e frear a súa desertización. No mes de xullo un grupo de artistas galegos participarán nun encontro en Caminha

09 jun 2007 . Actualizado a las 07:00 h.

A Fundación Casa Museo A Solaina de Piloño, en Vila de Cruces, acaba de ampliar relacións culturais co exterior. Neste caso, o achegamento é coa Associaçâo para a Promoçâo da Arte de Portugal. A sede da Institución Arte na Leira está situada en Arga de Abaixo - Casa do Marco (Caminha) é o seu mentor é Mario Rocha con quen estivo recentemente o presidente da fundación cruceña Paco Lareo intercambiando opinións, pero tamén coñecendo in situ a sede do colectivo luso. As semellanzas entre a Fundación Casa Museo A Solaina de Piloño e a Institución Arte na Leira son múltiples. «As características orográficas de ambas son prácticamente as mesmas ao estaren as sedes ubicadas nunha paisaxe rústica, no medio rural. Arte na Leira está aos pés do Monte Sacro e os veciños viven da agricultura de subsistencia, A Solaina tamén está no rural. Nós levamos anos loitando para que o rural non se desertice -eles tamén-, e ambos queremos favorecer o turismo e facer cousas para o noso rural», salienta Paco Lareo. A Institución de Arte na Leira posúe unha sala con obra pictórica na que se poden contemplar pezas de artistas consagrados e outros máis noveles. No vindeiro mes de xullo será sede dun encontro de artistas entre os que estarán cinco galegos que tomaran parte na xuntanza de arte de A Solaina. Ata o país veciño viaxarán obras de Eva Monroy Pérez, Germán González Pintos, Pablo Giráldez Río O Pastor , Marta Rial Vázquez e Celeste Pena que se poderán ver ata o mes de agosto. A mostra expositiva portuguesa abrirase ao público o 14 de xullo e continuará aberta ata o 5 de agosto. A entrada será gratuita, e segundo os datos que baralla a organización esperan contar con máis dun cento de pezas realizadas por outros tantos artistas convidados. A participación dos galegos nesta mostra daralle carácter internacional ao encontro artístico, que será inaugurado polo Ministro de Cultura de Portugal ademáis doutras personalidades da intelectualidade lusa. Unha exposición que se ven celebrando nos últimos oito anos con gran éxito de público, e que só no acto inaugural reúne a máis de duascentas persoas. Unha delegación da Solaina de Piloño asistirá á inauguración xa que así se desprende do acordo establecido entre Mario Rocha e Paco Lareo, polo que viaxarán a Arga de Abaixo os artistas galegos convidados mentras que o presidente de A Solaina e os membros administradores da fundación cruceña faranno noutras datas ao coincidir a mostra lusa coa oitava Forxa Literaria en Piloño.