O Xacobeo trae actuacións aos Concellos da Vía da Prata

Amelia Ferreiroa LALÍN

DEZA

En dous minutos | Promoción dos camiños Música, teatro e maxia chegarán dende o vindeiro mes de xuño aos distintos concellos que se inclúen nos camiños a Compostela, nunha programación elaborada polo Xacobeo

28 may 2007 . Actualizado a las 07:00 h.

O Xacobeo pón en marcha o programa Vai de Camiño , co gallo de promocionar a ruta ate Compostela, cunha ampla programación de actuacións que chegarán a varios concellos, entre os que figuran os de A Estrada, Silleda, Lalín e Dozón. Unha programación que se poderá contemplar naquelas localidades polas que decorre o Camiño Francés, a Vía da Prata, Camiño Inglés, Camiño Norte, Ruta do Mar de Arousa e Río Ulla, Camiño de Fisterra-Muxía, Camiño Portugués e Camiño Primitivo. Na denominada Vía da Prata atopamos trintetrés vilas, boa parte delas pertencentes á provincia de Ourense pero nas que tamén está o pobo de A Estrada e as localidades dezás de Dozón, Silleda e Lalín nas que xa se fixaron as actuacións das que poderán disfrutar os cidadáns. A Estrada contará con dúas actuacións: á do músico, compositor, arpista e cantante Emilio Cao e Palimoco Teatro o vindeiro 15 de xuño. Para o Concello de Silleda o Xacobeo programou tres actividades, que se celebrarán o 16 de xuño. Haberá pasarúas, e anúnciase un concerto da galega Mercedes Peón e de Sete Saias, un duo formado por Clara e Marta; dúas mulleres que apostan por unha renovación da música folque a través do contrapunto de arpas e voces. A programación de Vai de Camiño chegará a Lalín o 14 de agosto. Loretta Martin e Siniestro Total serán as formacións musicais que actuarán na capital dezá. A primeira delas, cecais bastante descoñecida polo público en xeral, debido a súa aínda curta traxectoria no panorama musical; unha cuestión que non ocorre con Siniestro Total. Ao Concello de Dozón chegarán os pasarúas o 26 de agosto. A programación deste Vai de Camiño inclúe tamén as actuacións de Son de Leilía, Milladoiro, as formacións bandísticas de O Rosal, Visantoña e Arzúa, do gaiteiro Budiño, Quempallou e música tradicional. A maxia, o jiñol e o Xabarín Club tamén chegarán a determinados Concellos da Vía da Prata, pero non oas da nosa zona. As actividades lúdicas arrancarán o vindeiro 1 de xuño en Boqueixón cun concerto de Son de Leilía, e rematará pasado o verán. Por outra banda dentro da promoción do Camiño a Compostela que se está deseñando e pechando, o Xacobeo tamén levará a cabo do 23 de xullo ate o 24 de agosto outro programa denominado Artes no Camiño . Trátase, neste caso, do terceiro encontro musical con outras artes arredor do camiño, no que haberá tamén actividades en localidades galegas polas que descorre algún camiño con destiño a Santiago.