Hoxe cociña Pepiño do Medio

La Voz LA VOZ | LALÍN

DEZA

MARCOS MÍGUEZ

En directo | Comida co candidato do PP de Lalín Xosé Crespo é home de contrastes: pasa con rapidez da calma á tempestade; do bule-bule á relaxación; e de encher un pavillón a preparar na súa casa natal un xantar para a prensa.

21 may 2007 . Actualizado a las 07:00 h.

? hora acordada eran as dúas e media. A prensa de Lalín acodía a unha coidada casa de Souto, respondendo á invitación para un xantar de traballo que o día anterior lles chegara por SMS, coa firma de Pepe Crespo: «Por certo, a comida será na casa onde nacín, no Souto, e o menú preparareino eu mesmo». Por iso non houbo lugar para a sorpresa cando un sorrinte Crespo asomou á porta ataviado cun mandilón azul dos que o PP reparte nos seus mitins, e un gran gorro de cociñeiro. Axudado polo seu cuñado Víctor, dispuxo uns entrantes nos que non faltaban «chourizos feitos por miña nai», xamón e queixo. Mentres, o candidato remataba a primeira das tortillas que preparaba: de pan «como comía de pequeno. Non sei cómo saerá, porque facíase co pan reseso, e este é pan fresco e chupa máis ovo». De teoría, ben. ¿E de práctica? Crespo púxose a bater con enerxía uns ovos para outra tortilla especialidade da casa, a de cebola: «Aos meus contricantes tamén lles gaño na cociña», fachendeaba entre risas. Pase ao comedor, e preparación de croca de Vilatuxe á prancha con patacas e pementos ao forno. De postre «tarta de galletas, o que máis me gustaba de neno»: cando Xosé Crespo era «Pepiño do Medio, porque esta casa onde eu nacín está no medio da parroquia, e nós eramos os do Medio». Moitos anos antes de estar en liortas electorais, nas que non deixa de inventar: sexa cun aerosol na pegada de carteis ou cun mandilón na recta final.