NÚMERO 6 DO BNG EN LALÍN
15 may 2007 . Actualizado a las 07:00 h.¿Quen son? Nacín en Lalín, teño 32 anos. Estou casada e teño un fillo. Estudiei primaria no colexio Sagrado Corazón e o bachiller no IES Ramón Aller. Logo fixen Medicina na USC, gradueime despois dos 6 anos de carreira e logo fixen o MIR e a especialidade en Obstetricia e Xinecoloxía no Clínico de Santiago, onde estou exercendo. Gústame estudar e elexín Medicina porque me criei nese ambiente xa que o meu pai traballaba neste ámbito. Elexín xinecoloxía porque me parece das especialidades máis completas, permite a práctica clínica e a cirúrxica; ademáis ten de especial que non só tratas doenzas, senón que traballas con mulleres coas que compartes ese momento ilusionante de traer un fillo ao mundo. ¿Por que estou en política? Porque me preocupa moito o que pasa no meu entorno, especialmente en temas de sanidade. Antes non podía facelo, estaba absorbida polos estudios, pero agora teño unha vida familiar e laboral estable que me permite unha adicación máis activa dende o BNG. Pola miña actividade profesional teño que ser máis receptiva ás necesidades dos cidadáns, porque a sanidade hai que entendela como algo multifactorial que hai que abordar dende varios puntos de vista, non só a actuación médica directa, senón tamén dende políticas medioambientais, educación para a saúde, servizos sociais e as situacións de risco. Hai que abordar tamén a política sanitaria directamente dende a institución municipal, e defendo a proposta dun hospital comarcal para Lalín, contando cunha boa dotación de medios técnicos e humanos para que sexa eficaz.