As eleccións á presidencia do A Estrada F.S., fixadas para o día 14

Pablo Penedo Vázquez
Pablo Penedo A ESTRADA

DEZA

MARCOS MÍGUEZ

A directiva saínte informou dun défice virtual de 500 euros a 30 de abril Sanmartín calcula que o equipo pode recibir a vindeira tempada uns 150.000 euros de Reale e as institucións

02 may 2007 . Actualizado a las 07:00 h.

? directiva de Manuel Sanmartín iniciou onte o proceso do seu relevo á fronte da cúpula do A Estrada Fútbol Sala coa convocatoria de novas eleccións á presidencia do club para o vindeiro día 14. A data foi fixada de acordo coa decena de socios que acudiron á asemblea na que os actuais responsables da entidade fixeron oficial a súa marcha, que será efectiva a partir deste sábado tralo derradeiro partido de Liga do Reale Seguros. Asimesmo, tal e como estaba previsto na orde do día, os socios do A Estrada F.S. coñeceron o estado das contas do club. O vicepresidente, Juan Manuel Estévez Pazos, informou dun défice virtual de 500 euros a día 30 de abril. Unha cantidade que nace da suma dos ingresos e dos gastos efectivos ata o momento, e daqueles que están pendentes de execución. Entre estes últimos figuran 26.500 euros correspondentes ao capítulo de publicidade por cobrar, os 38.000 que o Concello, a Deputación, a Xunta e a Fundación para o Deporte Galego teñen comprometidos coa sociedade deportiva estradense; ou os 19.000 euros que o A Estrada F.S. lles adebeda aos seus actuais directivos en concepto de préstamos persoais. Sanmartín expúxolles aos asistentes os requisitos da Liga Nacional de Fútbol Sala para aceptar o equipo estradense en Prata, poñendo de manifesto o evidente: "O principal escollo son os arredor de 100.000 euros que hai que adiantar en concepto de provisión de gastos (uns 20.000), valor da praza (uns 66.000) e fianza (arredor de 4.500)". O mandatario vermellón animou a que alguén colla as rendas do club, aínda que só "a xente que veña con ganas de traballar". A falta de concretar definitivamente as cifras, o relevo atoparáse segundo sinalou Sanmartín cuns 70.000 euros de Reale ("que se comprometerá só se aparece unha empresa local que copatrocine o club") e arredor de 80.000 euros do Concello, Deputación e Xunta, calculados sobre unha hipotética victoria electoral do Partido Popular nas municipais.