Olimpio Arca

XOSÉ LUNA

DEZA

TRIBUNA LIBRE | O |

21 abr 2007 . Actualizado a las 07:00 h.

NA SÚA INFANCIA, na súa vida, na súa obra abrolla como paisaxe de fondo a aldea de Porto de Gómez da vila do Baño. Da súa nai, Carmen, e do seu avó, Ramón, herdou os maiores tesouros do mundo: a humildade, o sacrificio, o traballo ... a bonhomía. Tivo moitos, moitos e bos mestres, pero tivo un que foi o primeiro, o definitivo, don Aurelio Rey. Un bo día tivo que escoller un medio de transporte e non o dubidou nin un intre ... colleu a Ana da man, apretouna ben forte, e un 21 de xullo de 1955, tendo como testigo o ceo azul da vila da Estrada, rubiu nun tren cheíño de amor e ilusións, e, desde aquela, sempre xuntos, percorren de vagariño as estradas da vida na compaña dos seus fillos, netos, familiares, amigos e veciños. Gasta ollar de neno pequeno. Gusta de ler. Da numismática. Da tertulia. De pasear baixo o sol da primavera e de escribir. Escribe de todo e sobre todo. Narrativa, ensaio, arte, poesía e teatro. Teatro! Todos os anos polo Nadal lévalle os Reis ao Panchiño. Polas Letras Galegas conversa coa Nobre Dama e mesmo no ano 1974, na vizosa parroquia de Couso tivo que solucionar un conflito insólito, unha Pelexa no Souto entre un castiñeiro e un eucalipto. O noso homenaxeado pertence a unha desas especies, rara avis, en vías de extinción, a dos bos e xenerosos. Leva 79 primaveras demostrándoo, día a día. A súa obra, a súa exemplaridade, a súa semente (tamén) cae sobre nós engordiña, como o Orballo da media noite/como vai caendo/lento/sen sentilo/como o vestixio platónico das horas/como o tempo ... En fin, aínda que el nunca o buscou, xa o ten acadado hai moito tempo ... Olimpio Arca Caldas ten o recoñecemento, admiración e homenaxe das vilas do Baño e de San Paio e de todos aqueles que temos a honra de tratalo como mestre, escritor e amigo.